Sarria, comarca de
Comarca situada no centro-S da provincia de Lugo e ao L de Galicia. Limita ao N coas comarcas de Lugo (O Corgo) e Os Ancares (Baralla), ao S coa comarca de Terra de Lemos (O Saviñao, Bóveda e A Pobra do Brollón), ao L novamente coa comarca dos Ancares (Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) e Quiroga (Folgoso do Courel) e ao O coa comarca de Lugo (Portomarín e Guntín). Abrangue unha superficie de 842,2 km2en que acolle a unha poboación de 25.882 h (2001), distribuídos entre os concellos do Incio (146,2 km2; 2.427 h), Láncara (121,7 km2; 3.186 h), Paradela (121,1 km2; 2.545h), O Páramo (74,8 km2; 1.907 h), Samos (136,6 km2; 2.057 h), Sarria (184,6 km2; 12.887 h) e Triacastela (51,2 km2; 873 h). A cabeceira comarcal é a vila de Sarria, ademais de ser partido xudicial.
Xeografía física
A comarca de Sarria sitúase nunha cubeta tectónica terciaria formada por materiais moi antigos (lousas, xistos e granitos) e cuberta de sedimentos neoxenos que lle dan a súa fisionomía. Ademais desta depresión, a comarca está tamén formada por restos de superficies de erosión a diferentes niveis, así como relevos residuais que se erguen sobre a depresión. Diferéncianse varias unidades: a propia cubeta, formada por sedimentos arxilosos, areas e gravas, especialmente na súa parte centro-N. Trátase dun espazo que, regado polos ríos Sarria e Toldaos, forma un amplo val con numerosas terrazas fluviais. Asociada ao río Neira, existe unha pequena depresión que exerce de fronteira entre as comarcas de Sarria e Lugo. A segunda unidade compóñena as terras elevadas ao redor da conca de Sarria, moi incididas pola rede fluvial e elevadas a diferentes alturas, como a serra do Páramo (800 m), no NO. O río Miño, na parte occidental da comarca, comeza a encaixarse como consecuencia da gran dureza dos materiais e xorden as paisaxes de pendentes acusadas. A última unidade localízase na parte oriental da comarca, onde desaparecen por completo as superficies de aplanamento, para dar paso ás serras orientais (montes de Albela, serra do Oribio e serra de Edramo), cunha morfoloxía de lousas con bandas de calcarias, unha tectónica de fractura e numerosas formas glaciarias (Triacastela) e periglaciais. O clima está caracterizado polo afastamento do mar, por ser unha cubeta interior elevada, e pola presenza de elevadas serras na parte occidental. É de tipo oceánico con matices continentais, con valores térmicos baixos en xeral, e precipitacións abondosas. Na parte oriental é oceánico de montaña, dadas as características territoriais. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 12°C na depresión (10°C na montaña), con invernos bastante fríos (5°C na depresión e 3-4°C na montaña) e veráns máis calorosos (18-19°C na depresión e 16-17°C na montaña), polo que a oscilación térmica é bastante marcada (13°C). As xeadas están presentes durante a maior parte do inverno. As precipitacións non son moi elevadas na depresión (1.000 mm), pero si na montaña (1.500 mm) como consecuencia do efecto pantalla. A neve está presente tamén no inverno, especialmente nos altos cumios. A comarca está dominada por comunidades de Quercus Robur (carballo), aínda que sen formar grandes masas, debido á degradante acción humana que se atopa en áreas marxinais coma nos ríos encaixados ou nas serras de grandes pendentes. Ata os 700 m de altitude medran estes bosques de carballos, asociados a acivros e sanguiños, pero a partir desta altura aparecan os castiñeiros, os bidueiros e as arandeiras. En relación cun clima máis rigoroso, nalgunhas áreas do S aparecen os cerquiños.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca está marcada polo éxodo rural a partir da década de 1940, e polos períodos de crecemento e decrecemento das etapas anteriores. En 1900, o conxunto comarcal tiña unha poboación de 44.301 h, que foron evolucionando, con altos e baixos ata 1940, en que se acada o máximo de poboación (43.917 h en 1930; 47.961 h en 1940). Esta evolución veu dada polo forte crecemento vexetativo e por unha intensa emigración fundamentalmente cara a América. Algúns concellos coma O Incio, Samos ou a mesma Sarria comezaron a perder poboación xa desde 1900. A partir da Guerra Civil Española, a evolución foi completamente negativa en todos os concellos; a pesar do crecemento da capital comarcal, non se puido facer fronte á constante marcha da poboación cara a outras áreas urbanas e industriais de España e do estranxeiro (40.095 h en 1960; 30.308 h en 1981 e 25.882 h en 2001). A estrutura da poboación mostra un avellentamento considerable, non tan marcado no concello de Sarria coma nos demais. Os maiores de 65 anos supoñen o 23,6% da poboación, mentres que os menores de 20 son apenas o 16,5%, co que se demostra o elevado índice de avellentamento da comarca. A taxa de natalidade é do 4,9‰ e a de mortalidade ascende ao 14‰, cun crecemento vexetativo totalmente negativo (-9,1‰). En canto á distribución da poboación, predominan as aldeas pequenas, con poucas casas e canto máis ao S e ao L aparecen máis concentradas ao redor dos campos de cultivo. A maior entidade de poboación é a vila de Sarria, seguida por outras de menor entidade coma A Pobra de San Xiao e Oural.
Xeografía económica
Na comarca predomina aínda o sector primario como base da súa economía. Co 35,4% dos activos empregados no sector primario e cunha importante modernización e mecanización do agro, Sarria é unha das principais áreas gandeiras da provincia e de Galicia. O número de explotacións totais da comarca ascendía, en 1999, a 4.282, repartidas entre as gandeiras, as agrícolas e as silvícolas. A especialización gandeira móstrase no descenso da superficie cultivada e da dedicada á matogueira a favor dos prados e pasteiros. A rendibilidade agropecuaria acadouse coa mecanización do campo e cos traballos de concentración parcelaria. O total de cabezas de gando era de 76.461 en 1999, repartidas entre o bovino (53.398 cabezas), o porcino (14.464 cabezas), o avícola (6.839 cabezas) e o resto de gandaría. O bovino é unha importante fonte de ingresos, especialmente o lácteo, explotado nas áreas de depresión, e o cárnico na montaña. O porcino destaca nos concellos de Láncara, O Páramo e, sobre todo, Sarria (8.992 cabezas). O secundario está, en xeral, máis debilitado ca o anterior, xa que concentra o 22,2% dos empregos (13,1% na industria e 9,1% na construción), aínda que destaca a importancia industrial da vila de Sarria. Tamén ten importancia a industria agroalimentaria, do que destacan as empresas lácteas, de produción de auga mineral, pensos e cárnicas, aínda que o máis importante dentro da industria comarcal polo seu elevado número de empresas é a fabricación de moble, en que destacan numerosas empresas situadas fundamentalmente arredor da C-534, un eixo que está desenvolvéndose nos concellos de Sarria e Láncara. Tamén destaca o polígono industrial de Sarria que acolle gran parte da actividade secundaria da comarca. O sector terciario (42,4% do emprego) céntrase na vila de Sarria, onde se concentran comercio, empresas hostaleiras, transportes, e servizos públicos. Sarria é cabeceira de comarca sanitaria e de partido xudicial, e posúe, ademais, oficina do INEM, Axencia de Extensión Agraria, Instituto de Ensino Secundario e Centro de Saúde especializado. O resto de cabeceiras municipais contan con centros de ensino primario e centros de saúde básicos. O comercio destaca no eido da venda polo miúdo, aínda que o comercio por xunto é importante no eido do moble e da gandaría. Nas comunicacións destaca a C-534 (Lugo-Monforte de Lemos), o ferrocarril A Coruña-Monforte de Lemos e a importancia do Camiño de Santiago (C-533). A hostalaría e o turismo son importantes co paso desta vía de peregrinación e a presenza de varios albergues. A protección institucional ao Camiño e os seus monumentos, fan que o desenvolvemento turístico sexa importante.
Historia
As distintas referencias históricas á comarca e os numerosos achados arqueolóxicos (túmulos megalíticos, castros, gravados rupestres) remiten á etapa paleolítica e neolítica, con numerosas manifestacións de arquitectura funeraria e megalítica. Durante o Concilio de Lugo (569), definíronse os límites dos once condados que formaban a diocese lucense, sendo un deles Paramiensis (O Páramo), onde se pode situar a fundación dun mosteiro en tempos de San Martiño de Dumio (s VI) e no que se introduciu a Regula monachorum de San Frutuoso. Pouco a pouco a comunidade foise incrementando, excepto no ano 714, que se correspondeu coa chegada dos musulmáns. Froila I (757-768), rei de Asturias, concedeulles a varios monxes o lugar de Samos, fixándolles un coto, que foi confirmado por Afonso II a principios do s IX. Desde comezos do s IX, co descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago, a vida da comarca comezou a xirar arredor do paso do Camiño Francés. Mentres, o poder monacal de San Xián de Samos impúxose e influíu notablemente nos asentamentos de poboación da comarca a partir de finais do s VIII, a pesar de que tamén había outros mosteiros que exercían o seu poder, como os de Castro de Rei de Lemos ou San Xoán de Loio, que tamén levaron a cabo un labor repoboador de grande importancia durante o s IX. Pola súa parte, Santa María, San Román e San Salvador do Mao constitúen os primeiros cenobios ou comunidades dependentes de Samos asentadas no Incio. No s XII difundíronse os estatutos cluniacenses e con eles a implantación da regra de San Bieito en San Xián de Samos. Ademais, a bula do Papa Alexandre III (1175) outorgáballe á abadía o exercicio dos seus dereitos xurisdicionais e económicos por un total de 105 igrexas de toda a comarca próxima e do Bierzo. A historia da comarca complicouse coas distintas familias que gobernaron estas terras: a principios do s XII era a señora de Lemos e Sarria, dona Elvira Osores, casada con don Gutiérrez Ruíz de Castro, a relacionada coa construción da torre-fortaleza de Sarria. O esplendor medieval da comarca sarriá veu dada polo apoxeo das peregrinacións, nunha etapa na que xa os musulmáns deixaron de ser unha ameaza. Triacastela, segundo o Códice Calixtino, era o punto final da XI etapa do Camiño de Santiago, onde se recollían as pedras de calcaria que se deixaban nos fornos de cal para a construción da catedral de Compostela. Afonso IX foi o verdadeiro protector do Camiño en Sarria, xa que en numerosos documentos está a súa presenza. Este rei fundou Sarria como vila nos primeiros anos do s XIII e concedeu privilexios aos habitantes de Triacastela, apoiado polos monxes de Samos. O seu fillo Fernando III o Santo reuniu aquí os concellos de Galicia en 1248. En 1255, nun escrito de Afonso X o Sabio confirmouse un privilexio dado á orde do Hospital, polo que lle facía doazón do “Páramo de Galicia” (O Páramo). Na Idade Moderna, tras as Guerras Irmandiñas que deterioraron a torre-fortaleza de Sarria, a comarca estivo dividida en varias xurisdicións ata a formación dos concellos, arredor de 1845, que quedaron configurados, con pequenas variacións territoriais posteriores. No transcurso das primeiras décadas do s XIX houbo unha intensa actividade carlista na comarca, e chegou a declararse o estado de guerra en 1839.
Patrimonio cultural
Do patrimonio da comarca destacan os gravados rupestres de Pena Escrita, a igrexa da Cervela e o conxunto románico do Hospital do Incio (BIC, 1995), os pazos de Dompiñor, dos Quiroga e da Ferrería, as casas de Castroagude, dos Somoza e de Albaredo e o hotel balneario, no concello do Incio; as igrexas románicas de San Pedro de Bande, San Xoán de Muro, Santa María de Neira e San Martiño de Oleiros, os pazos de Láncara e Saa, a casa grande de Quiroga e a ponte de Carracedo, no concello de Láncara; as igrexas de Santa María de Vilarugunte, Santa María de Ferreiros e San Facundo de Ribas de Miño (BIC, 1982), no concello de Paradela; os castros de Friolfe e Moscán, as igrexas de San Salvador de Vileiriz, Santa María de Gondrame ou Santa Eufemia de Vilarmosteiro e os pazos de Paredes e de Vilafiz, no concello do Páramo; o mosteiro de San Xián de Samos (BIC, 1944), as igrexas de Santiago de Estraxiz, Santalla de Pascais, Santo Estevo de Reiriz e San Martiño do Real, o pazo de Lusío (s XVI), as casas grandes de Froián e dos Miranda, no concello de Samos; as medorras de Arxemil e os castros de Aguiada, Toxal ou Lier, o mosteiro de Santa María Madalena e as igrexas parroquiais de San Fiz de Reimóndez, Santa María de Albán, San Martiño de Requeixo, San Miguel de Goián ou San Salvador da Pena, así como a torre-fortaleza de Sarria, os pazos de Farbán, Vilasante, a casa-torre de Barrio, a ponte vella de Sarria ou a torre de Vilar, no concello de Sarria; as capelas de Santo Antonio e do Biduedo, as igrexas de Santa María de Vilavelle e Santiago de Triacastela, ou a casa da Pedreira, no concello de Triacastela. Celebra as festas de San Eufrasio, no Incio; as de San Roque, Nosa Señora do Carme e a de San Pedro, no concello de Láncara; a da Virxe das Dores, a da Virxe do Rosario e a de santa Engracia, no concello de Paradela; as de San Bieito e Santa Basilisa no concello de Samos; as de San Xoán e a romaría campestre dos Remedios, no concello de Sarria; ou a romaría de San Mamede no concello de Triacastela.