Savoia

Savoia

Rexión do SL de Francia, nos Alpes Occidentais, que se estende desde a crista do monte Tabor (3.177 m), que a separa do Piemonte e o Valais ao L, ata o val do Ródano ao O; e desde o lago Léman ao N ata o Guiers ao S (10.416 km2; 916.547 h [1990]). Abrangue a conca alta do Isère e unha faixa de macizos cristalinos onde se atopan os cumios máis altos dos Alpes, como o Mont Blanc. Ten industria electroquímica, electrotécnica, papeleira, de coiros e láctea. Poboada polos ligures e por diversas tribos celtas, foi conquistada polos romanos (s II a C). Dominada polos francos, no s IX pasou á casa de Borgoña. O primeiro conde de Savoia foi Humberto I (1003-1047?), cuxos descendentes ampliaron os dominios da dinastía. En 1416 Savoia converteuse nun ducado. Anexionada pola Francia revolucionaria, restituíuselle á casa de Savoia no Congreso de Viena (1815). Polo Tratado de Turín (1860) pasou a pertencer a Francia.