Savoia, casa de
Dinastía que desde finais do s X gobernou en Savoia e desde o s XII en Piemonte, ademais doutros territorios italianos que variaron segundo as épocas. O seu primeiro membro coñecido é Humberto I de Savoia , Brancamán, conde de Savoia (1003-1047?). Humberto II de Savoia (1080?-1103) expandiu os dominios da familia e Tomé I de Savoia dominou Piemonte, Vaud, Valais e a cidade de Chambéry, que pasou a ser a capital do condado (1232). Os seus sucesores incrementaron os dominios da dinastía. Amadeo VIII de Savoia conseguiu do emperador o título ducal (1416). Carlos Manuel I de Savoia apoderouse do marquesado de Saluzzo, pero tivo que ceder outros territorios a Francia, que despois foron recuperados polo seu sucesor Vítor Amadeo I de Savoia . Vítor Amadeo II de Savoia (Vítor Amadeo I de Sardeña) obtivo o Reino de Sicilia (1713), intercambiándoo en 1718 polo de Sardeña. Un dos seus descendentes Carlos Alberte I de Sardeña , aproximouse ao liberalismo e loitou contra Austria pola unidade italiana. Derrotado, abdicou no seu fillo Vítor Manuel II de Italia , que en 1861 converteuse no primeiro rei de Italia. Os seus sucesores foron Humberto I de Italia , Vítor Manuel III de Italia e Humberto II de Italia , que se exiliou ao proclamarse a república (1946). Un dos fillos de Vítor Manuel II, o duque e Aosta, foi rei de España (Amadeo I).