Scheinerman, Ariel

Scheinerman, Ariel

Militar e político israelí. Coñecido como Ariel Sharon. Alistouse no Haganah e participou nas Guerras Árabe-israelís ao mando de diferentes brigadas militares, -especialmente durante a Guerra dos Seis Días- ata acadar o grao de Xeneral Maior. En 1973 cofundou o Likud e resultou elixido deputado do Knesset ou Asemblea Nacional (1973-1974 e 1977). Tras participar na Guerra do Yom Kippūr (1973) foi relevado do mando pola súa constante insubordinación e as súas posturas políticas extremas. En 1974 fundou o Shlomtzion que, en coalición co Likud, formou o primeiro goberno conservador da historia de Israel, durante o que foi presidente da Comisión Ministerial sobre os Asentamentos, ministro de Agricultura (1977-1981) e de Defensa (1981-1983). Deposto deste cargo e acusado de crimes de guerra, ocupou posteriormente, baixo a presidencia de I. Shamir, o posto de ministro sen carteira (1983-1984), o de Comercio e Industria (1984-1990) e o de Construción e Vivenda (1990-1992). Con B. Netanyahu foi ministro de Infraestrutura Nacional (1996-1998) e de Asuntos Estranxeiros (1998-1999). Tras a caída de E. Barak, converteuse no líder do Likud e foi elixido, sen maioría absoluta, primeiro ministro de Israel en 2001, cargo que revalidou en 2003. Dentro das medidas tomadas durante o seu mandato, destacou especialmente a orde de retirada dos israelís da franxa de Gaza, que se fixo efectiva en 2005. Ese mesmo ano abandonou o Likud e fundou o partido Responsabilidade Nacional. En 2006 unha enfermidade afastouno da vida política.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Kefar Malal