Seara Morales, Iago
Arquitecto. Titulouse na Escuela Superior de Arquitectura de Madrid. Secretario do COAG (1980-1981), colaborou no nacemento da revista Obradoiro. Foi xefe de servizo de Patrimonio Arquitectónico (1983-1991) e director xeral de Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura (1991-1993), onde creou o Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Realizou obras de restauración ou rehabilitación do patrimonio arquitectónico como a do mosteiro de Ferreira de Pantón, a Biblioteca do Parlamento de Galicia e o edificio do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela. Foi asistente de A. Siza no proxecto e na dirección de obra do CGAC. En obra nova realizou diversos edificios de vivendas e diversas construcións de carácter público como a igrexa de Fontiñas (Santiago de Compostela), o Centro de Saúde de Combarro ou o edificio do C.I.S. da Madeira de Galicia. Membro do Consello da Cultura Galega desde 1998, tamén é membro de ICOMOS desde 1995, na que formou parte da xunta directiva nacional de 1997 a 2003, e, desde 2003, é vogal da xunta directiva de Hispania Nostra. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio COAG de obra nova (1990), o Premio AEPD de deseño, na V edición, ou o Premio Internacional Forestalia á construción en madeira (2001). A súa vivenda en Corrubedo foi seleccionada para a Bienal de Arquitectura do 93.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense