segmentación

segmentación

(< segmentar)

  1. s f

    Acción e efecto de segmentar.

    1. s f [BIOL]

      Etapa do desenvolvemento embrionario que consiste na división continua e sucesiva do ovo ata que se orixina a blástula. Distínguese a segmentación total, que afecta á totalidade do ovo (ovos oligolecíticos e heterolecíticos), da parcial, que afecta só a unha parte (ovos telolecíticos e centrolecíticos). A segmentación total é igual cando todos os blastómeros son da mesma dimensión (ovos oligolecíticos dalgúns equinodermos) e é desigual cando os blastómeros máis pequenos, ou micrómeros, están no polo superior do ovo, mentres que os macrómeros están no inferior (caso xeral dos ovos heterolecíticos e da maioría dos oligolecíticos). Segundo a disposición dos blastómeros, fálase de segmentación radial, espiral e bisimétrica ou birradial e bilateral. A segmentación total radial fai que os blastómeros queden dispostos nunha simetría radial ao redor do eixe. Na segmentación total espiral os primeiros blastómeros sofren unha rotación de 45° cara á dereita e cara á esquerda alternativamente. Na segmentación total bisimétrica, propia de certos celentéreos, os dous primeiros planos de segmentación, meridianos, constitúen os dous planos de simetría do embrión. A segmentación total bilateral, que se dá en ascidiáceos, caracterízase porque o primeiro nivel de segmentación corresponde ao nivel de simetría bilateral do embrión, e o ovo aparece baixo o aspecto de dúas metades simétricas. Na segmentación parcial, nos ovos con abundante substancia de reserva, a división do ovo non afecta ao seu polo inferior, e a maior parte de vitelo queda sen segmentar. Preséntase en dúas variantes: a segmentación parcial discoidal e a superficial ou intravitelina.

    2. segmentación metamérica [ZOOL]

      Repetición dunha serie de elementos pertencentes a cada un dos principais sistemas orgánicos do corpo ao longo do seu eixe anteroposterior ou do eixe dun apéndice. Moi ben definida en anélidos e artrópodos, dá lugar a unidades segmentos ou metámeros, de estrutura fundamentalmente semellante.

  2. s f [LING]

    Procedemento que consiste na división dun enunciado da cadea falada en unidades discretas.

Palabras veciñas

Seghers, Anna | segmentábel | segmentable | segmentación | segmentar | segmentario -ria | segmento