Seijo Rubio, José
Pintor e mestre. Formouse na Escola de Artes e Oficios da Coruña e na Real Academia de San Fernando de Madrid. Fundou a Asociación de Artistas (1934) e cofundou o Museo Provincial de Belas Artes da Coruña, que dirixiu ata a súa morte. Destacou como paisaxista, con pinturas de carácter rexionalista como O cruceiro ; (1920), A marisma (1926), Solpor na ría da Pasaxe ; (1932) ou Praza da Leña (1945), en que predominaba o pintoresco cun certo ton romántico. Manifestou interese pola figura humana e tamén polas festas e tradicións típicas de Galicia (Romeiros de Santo Andrés de Teixido, 1919). Desenvolveu a pincelada con moita pasta e un cromatismo forte e quente. Cultivou o óleo como en O cego de Santa Mariña (1928), o tríptico O porto (1925) ou Xardín de San Carlos, que evidenciaban o seu grande interese pola pintura impresionista. Tamén traballou o pastel (Xardín, 1925), a acuarela (Praia do Parrote, 1956) e a augada. Publicou Método de caligrafía práctica elemental de escritura inglesa, declarado de utilidade pública en 1911 e Teoría y práctica del arte de escribir (1917). Membro da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario e correspondente da Real Academia Galega e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, recibiu, entre outros galardóns, a medalla de prata na Exposición Hispano Francesa de Zaragoza (1908).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso
Lugar : A Coruña