Senegal
Estado de África Occidental, situado entre Mauritania ao N, Mali ao L, Guinea e Guiné-Bissau ao S e o Océano Atlántico ao O (196.712 km2; 9.802.775 h [estim 2001]). Ten un enclave dentro do seu territorio, o estado de Gambia. A súa capital é Dakar.
Xeografía
Xeografía física
O relevo é moi plano e soamente no SL o terreo ten pequenas elevacións. As costas son baixas e areosas ata a península de Cabo Verde. Os ríos principais son o Senegal, o Gambia e o Casamance. O clima é caloroso e húmido con alternancia regular de estacións húmidas e secas. A vexetación predominante ten carácter de sabana, húmida ao S, onde é interrompida por galerías de selva; nas terras máis setentrionais transfórmase nun espiñeiral semidesértico e nos esteiros dos ríos atópanse extensións de mangleiral.
Xeografía económica e humana
A agricultura é a actividade básica, produce principalmente laranxas, cana de azucre, millo, arroz, millo miúdo, sorgo, algodón e cacahuetes. A gandaría é tamén unha actividade importante, ten armentío bovino, ovino e cabrún. A pesca está dotada de sistemas modernos de produción e Dakar posúe a base principal para a pesca do atún. O bosque proporciona esencias e madeira. Os recursos do subsolo son fosfatos cálcicos, minerais de titanio e sal. A industria máis importante é a alimentaria do azucre, da cervexa e da fariña de trigo. Destacan tamén as manufacturas (pinturas e verniz) e a elaboración de fertilizantes, produtos petroleiros, cemento e xabón. De todos os estados de África Occidental francofalante, Senegal foi o máis beneficiado polo equipamento moderno que trouxo a colonización, porque era o de situación máis estratéxica. No momento da independencia era o único que dispoñía dunha rede ferroviaria e o que tiña máis estradas asfaltadas, máis cidades populosas e modernas e unha industria desenvolvida. O aeroporto de Dakar é unha escala importante entre Europa e América do Sur. Exporta produtos petroleiros, peixe, fostatos, aceite de cacahuete, moluscos e algodón a cambio de bens de equipamento, petróleo, bens de consumo, produtos farmacéuticos e papel. O comercio exterior ten lugar primordialmente con Francia. O saldo é deficitario. A poboación está distribuída irregularmente, concentrada principalmente no O. As principais cidades son Dakar, Thiès, Kaolack e Ziguinchor.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está formada por diversos pobos sudaneses como os wolof (42,7%), seser (14,9%), fulbe (14,4%), tukulor (9,3%), diola (5,3%) e mandinga (3,6%). A lingua oficial e comercial é o francés, pero tamén se falan linguas níxer-congo. A maioría da poboación é musulmá (92%), seguidos dos animistas ou seguidores das crenzas tradicionais(6%) e dos cristiáns (2%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Senegal entre os países cun desenvolvemento humano baixo (posto 157º, cun índice do 0,437). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 55 anos para os homes e de 58 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 39,2% da pobación, o índice de escolaridade é do 38%, e o PNB por habitante é de 1.580 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, proclamada República Autónoma en 1958 e independente definitivamente desde o 20 de agosto de 1960 ao disolverse a federación con Mali, é unha república unitaria. Segundo a constitución adoptada o 7 de xaneiro de 2001, o poder lexislativo correspóndelle á Assemblée Nationale, composta por 120 membros que son elixidos para un período de 5 anos. O presidente da república elíxese por sufraxio directo para un período de 5 anos, aínda que nas últimas eleccións de 2000, anteriores á constitución, o período era de 7 anos. O xefe de goberno é nomeado polo presidente. O poder xudicial baséase no dereito francés, conta co Conseil Constitutionnel, o Conseil d’Etat, a Cour de Cassation e a Cour d’Appels; non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e está en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son a coalición electoral SOPI, liderada polo Parti Démocratique Sénégalais (PDS) e integrada, entre outros, pola Ligue Démocratique/Mouvement pour le Parti du Travail (LD-MPT) e a Convention des Démocrates et des Patriotes ou Garab-Gi (CDP); a Alliance des Forces de Progrés (AFP); o Parti Socialiste de Sénégal; a Union pour le renouveau démocratique (URD) e o Parti Africain pour la Démocratie et le Socialisme. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade Económica de África do Oeste, Organización da Conferencia Islámica, ONU, UA e está asociado á UE.
Historia
Habitada desde os tempos prehistóricos, tense coñecemento, no s IX, nesta área, dunha formación social dominante, Tekrur, de poboación negra que no s IX foi islamizada polos almorábides. No s XV os portugueses chegaron ás súas costas e con eles o dominio colonial. En 1444 establecéronse entre o río Gambia e Bambuk, pero foron desprazados polos ingleses, que se instalaron en Gambia. En 1677 os franceses arrebatáronlle a illa de Gorea aos holandeses, que a dominaban desde 1588, e con anterioridade (1638), os primeiros fundaran unha factoría que cos anos se converteu na cidade de Saint-Louis, sede das diferentes compañías comerciais francesas que tiñan como base das súas operacións comerciais o tráfico de escravos. No s XVIII a rivalidade entre Francia e Inglaterra converteuse nun risco continuado na colonia con alternativas no seu dominio segundo o resultado dos conflitos europeos. No s XIX cambiou a estratexia colonial coa penetración cara ao interior, a explotación agrícola (algodón e cacahuetes) e a fundación de novas cidades, como Rufisque e Dakar (1857). En 1916 concedeuse a nacionalidade francesa aos habitantes das cidades principais. En 1958 Senegal proclamouse República Autónoma e formou, en xaneiro de 1959, co Sudán Francés, a Federación Mali. A independencia definitiva non se produciu ata que se disolveu a unión con Mali o 28 de agosto dese mesmo ano. O primeiro presidente foi Leopold Sédar Senghor, líder da Union Progressiste Sénégalaise (UPS), que en 1967 modificou a constitución, que aumentou os poderes presidenciais. En 1981 Abdou Diouf sucedeu a L. S. Senghor na presidencia da república (reelixido en 1983, 1988 e 1993). Senegal interveu militarmente en Gambia para protexer o goberno deste país despois dun intento de golpe de estado esquerdista en 1981. Como consecuencia disto creouse (1982-1989) a confederación de Senegambia. Desde 1983 o goberno senegalés afrontou unha intensa actividade independentista na provincia meridional de Casamance, organizada polo Moviment des Forces Democràtiques de la Casamance (MFDC). Nas eleccións de 2000 A. Diouf obtivo a vitoria na primeira volta pero na segunda resultou gañador Abdulaye Wade, cabeza da coalición SOPI, liderada polo PDS. O 7 de xaneiro de 2001 aprobouse unha nova constitución que limita o mandato presidencial a 5 anos e aumenta as funcións do xefe de goberno.