Seoane López, Luís
Pintor, gravador, ilustrador e escritor. Fillo de emigrantes, en 1916 a súa familia retornou a Galicia e estableceuse na Coruña e logo en Santiago de Compostela, onde iniciou a súa carreira pictórica mentres estudaba dereito e participaba nas actividades da Federación Universitaria Escolar (FUE), en defensa da democracia e da lingua galega. Foi secretario da Agrupación Nazonalista (1931) e militante da Unión Socialista Galega (1932). Fundou a revista Resol, con Arturo Cuadrado, e colaborou en Claridad, El Pueblo Gallego e outras publicacións da época. Tamén ilustrou diversos libros, como Poemas do sí e do non (1932) de A. Cunqueiro, ou Corazón ao vento (1933), de Aquilino Iglesia Alvariño. Intregrouse no Partido Galeguista e durante a campaña das eleccións de 1936 realizou diversos carteis (O Estatuto libertará a nosa terra), como o do Frente Popular, que formou parte do Partido Galeguista en favor do Estatuto de Autonomía. Nesta época tamén realizou as súas primeiras exposicións, que partiron da que fixo en 1929 na sala de Amigos da Arte de Santiago e en cuxas obras plasmou as influencias poscubistas e expresionistas de temática rural. Co estalido da Guerra Civil (1936), exiliouse en Bos Aires, onde continuou a súa actividade, marcada polo compromiso coa situación política que deixaba no seu país. En 1937 fundou con X. Núñez Búa o semanario Galicia Libre e colaborou como ilustrador na Editorial Losada, e publicou o álbum de debuxos, 13 estampas da traizón, onde satirizaba o tema da guerra como unha forma de protesta contra o autoritarismo e a violencia. En 1938 dirixiu a revista Galicia, fundou varias coleccións (Hórreo, Dorna, Pomba e Camino de Santiago) e fundou e dirixiu a revista Galicia Emigrante (1954-1959), que deu pé á creación dun programa radiofónico do mesmo nome, emitido entre 1954 e 1971. Na súa pintura (Nu sentado, 1948; Pelando patacas, 1950; Figura sentada en ocres e vermellos, 1959) foi evolucionando cara ao debuxo esquemático e deulle cada vez máis importancia aos planos de cor. Representou as clases humildes (Leiteira, 1949; Cortando herba, 1954) de quen valorou o traballo do campo e do mar (Mariscadoras, 1969; Mariña, 1974), e evitaba o folclorismo e reivindicaba a xustiza e a igualdade. En moitas das súas obras tivo un papel destacado a muller (A chambra branca, 1969), xeralmente robusta, que identificou como símbolo esencial da galeguidade (Muller con cesto, 1952; Mater Gallaeciae, 1961; Tres mulleres 1962; Emigrante, 1967). Tamén se caracterizou pola transmisión dunha visión mítica da historia, da que reivindicou a época celta e medieval. Ademais de retratos (Albrecht Dürer, Paul Klee, Julio Cortázar), realizou estampas soltas (A profecía; Muller con sombreiro; A dama), acuarelas (Soño Surrealista 1944) e gravados, que compilou en varios álbumes (Muiñeira, O Meco, María Pita e tres retratos medievais (1944) e Imaxes de Celtas, Imaxes de Galicia) que se converteron nunha parte esencial da súa obra. Ademais, deseñou cerámica e tapices e ilustrou libros de F. García Lorca (Llanto por Ignacio Sánchez Mejías), Alberti (Sobre los ángeles), Kafka (El buitre, Una confusión cotidiana), Neruda (Insepulta de gaita) ou Lourenzo Varela. Destacou tamén a súa compilación de debuxos titulada Homenaxe á Torre de Hércules (1944), con prólogo de Rafael Dieste. Teórico da arte galega, durante o exilio apoiou a escritores e artistas galegos e promoveu diversas iniciativas editoriais, das que destacan EMECÉ, Botella al Mar ou a Editorial Citania. Realizou diversas viaxes por Europa que lle permitiron relacionarse con figuras destacadas do panorama artístico mundial como Picasso ou Henry Moore, que influíron na redución das formas a esquemas fundamentais protagonizados por amplos campos de cor forte viva, que cara á década de 1970 foron restándolle protagonismo ás liñas (A declamadora, 1966) así como no xogo coa figuración e a abstracción. No ámbito estritamente literario, comprometeuse coa causa da liberdade, a loita polo home, a importancia do colectivo e a súa identificación con Galicia e co pobo galego. No apartado narrativo, ademais do artigo “O Cristo da montaña”, publicado en Galicia Emigrante en 1954, escribiu Tres hojas de ruda y un ajo verde (1948), en castelán. Foi no ámbito poético onde tivo un maior éxito e da súa produción salienta Fardel de eisilado (1952), en que desde un punto de vista marxista e galeguista canta a emigración, á marxe da imaxe triunfalista que se tiña do emigrante en terras americanas, e onde xa apunta trazos socialrealistas. A este seguiralle Na brétema, Sant-Iago (1956), onde pretende recuperar a memoria histórica do pobo galego valéndose dunha das épocas máis espléndidas para Galicia, a Compostela da Idade Media. Intimamente ligado ao seu labor como muralista, está formado por pequenos poemas en que presenta personaxes anónimos e populares como se dun gran mosaico se tratara. As cicatrices (1957) contribúe a representar a transición entre a poesía didáctica e da memoria cara a outra máis ideolóxica e civil. Por último, A maior abondamento (1972), que pode ser unha réplica ao libro de Celso E. Ferreiro Viaxe ao país dos ananos, somérxese plenamente dentro da estética socialrealista onde denuncia os aspectos máis inxustos da realidade. No eido teatral, ademais das pezas La soldadera (1957), escrita orixinalmente en galego, e El irlandés astrólogo (1959), tirou do prelo diversos artigos sobre temática e estética teatral, como “O decorado e a máscara na obra de Castelao”, publicado en Galicia Emigrante en 1954, ou “Os vellos non deben de namorarse”, editado no Boletín da Real Academia Galega en 1975. Por outra banda deseñou as escenografías de Castelao e a súa época (1969), de R. Salvat; As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), para o Grupo de Teatro O Facho; o segundo acto de Os vellos non deben de namorarse (1975), para Teatro Circo; e o cartel de Macbeth (1975), tamén de Teatro Circo. No apartado de medios de comunicación, recolleu gran parte das súas colaboracións radiofónicas en Comunicacións mesturadas (1973) e Galicia Emigrante (1954-1971): escolma de textos da audición radial de Luís Seoane (1989), esta última preparada por Lino Braxe e Xavier Seoane. En 1963 regresou a Galicia e incorporouse de maneira activa ao movemento de reactivación da cultura galega. Xunto a Isaac Díaz Pardo recuperou a antiga fábrica de Sargadelos, fundou o Laboratorio de Formas (1968) e o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. Da época do seu regreso datan as obras O caído. Homenaxe a Grimau (1963), en honor ao fusilado J. Grimau, ou O proceso de Burgos (1971), claros exemplos da identificación do seu compromiso ético co estético. Dos últimos anos destacan Noticias dos homes (1969) ou Corpiño verde. Fondo amarelo (1973). Membro da Academia de Bellas Artes en Arxentina, recibiu a medalla de prata na Exposición Universal de Bruxelas (1958) e o Premio Palanza en Arxentina. En 1968 foi nomeado membro da Academia de Bellas Artes. Na súa memoria fixéronse a fundación da Compañía de Teatro Luís Seoane en 1980 e a apertura da primera sala de teatro galego co seu nome en 1981. En 1994 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Bos Aires -
Deceso
Lugar : A Coruña