Seoane Rivas, Xavier

Seoane Rivas, Xavier

Escritor. Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi un dos membros fundadores da revista Luzes de Galiza. Realizou diversos proxectos en vídeo, centrados sobre todo na obra de Luís Seoane, e participou na organización de exposicións relacionadas co mundo das artes. Colaborador de diversas publicacións como Agália, Grial, A Nosa Terra e La Voz de Galicia, na súa obra poética incluíu diversos símbolos e mitos, e tentou amosar unha visión poética anovadora combinada cunha vinculación á terra. Publicou os poemarios A caluga do paxaro (1979), Os bosques encendidos (1981), Presencias (A saudade do corredor do fondo) (1985), Iniciación e regreso (1985, Premio Cidade da Coruña 1982), O Canto da Terra (1987), Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994), Umbral de Vida (1996, Premio Esquío 1999) e Dársenas do ocaso (2002). Editou o libro de reflexións e aforismos Arca cotidiana/Irispaxaros (1984) e cultivou o ensaio con traballos sobre Luís Seoane, como Galicia Emigrante (1954-1971) (1989) e A voz dun tempo. Luís Seoane: o criador total (1994); e sobre Álvaro Cunqueiro en A máxia da palavra (1991), con Lino Braxe; ademais de Atravesar o espello (2000), un ensaio en que reflexiona sobre o mundo do libro e a lectura. No apartado artístico tirou do prelo Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega (1990) e Reto ou rendición (1994), en que analiza a arte galega contemporánea; e a novela Ábrelle a porta ao mar (2000).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña