Serra da Enciña da Lastra, Parque Natural da

Serra da Enciña da Lastra, Parque Natural da

Aliñación montañosa do extremo oriental de Galicia, limítrofe coa comarca do Bierzo, que no seu sector galego se estende polas parroquias de Oulego, O Robledo da Lastra, Biobra e Covas, no concello de Rubiá. Conta cunha superficie de 1.723 ha e a súa maior altitude é o monte Tara, que acada os 1.112 m. Xeoloxicamente correspóndese cunha gran dolomía, o que a converte nun fenómeno excepcional en Galicia. A súa localización nunha área baixo un dominio climático con características mediterráneas, a fragmentación topográfica que produce o río Sil e a destacable litolóxica, outórganlle a este pequeno espazo unha enorme biodiversidade. En canto á flora pódese atopar sabinas, castiñeiros comúns, aciñeirais e varios endemismos (Petrocoptis grandiflora, Rhamnus legionensis), algún deles confinado nesta serra. En canto á fauna existe un gran número de especies de vertebrados terrestres, especialmente aves rapaces, como a aguia real e o falcón peregrino; de réptiles, como o lagarto das silvas; e de morcegos, como a especie Miniopterus schreibersii. En canto aos invertebrados, destaca a presenza da vacaloura. Foi incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) na proposta da Rede Natura 2000, e declarado Parque Natural o 4 de abril de 2002.