Serra Leoa

Serra Leoa
Nome científico: [nome oficial ingl: Republic of Sierra Leone]

Estado de África occidental que limita ao N e ao L con Guinea, ao S e ao SL con Liberia, e ao O co Océano Atlántico (71.740 km2; 5.000.000 h [estim 2001]). A súa capital é Freetown.
Xeografía

Xeografía física
O país está constituído por un altiplano central cunha altitude media de 500 m, que vai aumentando progresivamente ata os 2.100 m nas montañas de Loma, no extremo nororiental. Sucada por numerosos vales que descenden do altiplano, a zona costeira é pantanosa e está chea de mangleirais, e ten numerosas penínsulas e illas. O seu clima é tropical e húmido. As chuvias, máis abundantes na costa, duran de maio a novembro, e de decembro a marzo hai unha estación seca e ventosa. Os seus ríos máis importantes son Little Scarcies, Sewa, Moa e Rokel, navegables no seu curso inferior onde forman profundos esteiros. A vexetación principal é unha sabana húmida atravesada por galerías de selva densa. A selva pluvial predomina na banda SL do país.
Xeografía económica e humana
Ademais dos cultivos de cacao, café e palma aceiteira para a exportación, a agricultura é basicamente de subsistencia e está representada polos cultivos de arroz, mandioca, cítricos, millo miúdo, tomates e sorgo. A gandaría é predominantemente bovina, seguida pola ovina, a avícola e a caprina, aínda que está moi afectada pola desertización. No bosque a extracción de madeira é importante. A pesca, en expansión, non alcanza para o consumo do país. Ten notables riquezas minerais, principalmente bauxita, rútilo e diamantes. A súa industria é practicamente inexistente. Importa de Reino Unido, Alemaña e China, alimentos, maquinaria, equipamento de transporte e produtos petrolíferos. Exporta minerais (rútilo, bauxita e diamantes), cacao e café, a EE UU, Reino Unido e Alemaña. As comunicacións son insuficientes e destacan só as fluviais. O seu porto principal é Freetown, onde se atopa o aeroporto internacional.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os grupos étnicos maioritarios son os mende (35%) e os temne (32%), seguidos doutros minoritarios como os limba (8,4%), os kono (5,2%), os kurango (3,5%), os fula (3,7%), os kissi (2,3%) e outros (13,6%). A lingua oficial é o inglés, pero tamén se falan outras linguas como o mande, o krio (crioulo de base inglesa) e o themne. A maioría da poboación, o 60%, é musulmá sunnita, un 30% segue as crenzas tradicionais ou animistas e un 10% son cristiáns.
Desenvolvemento humano e goberno
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Serra Leoa entre os países cun desenvolvemento humano baixo (posto 177º, cun índice do 0,273). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 37 anos para os homes e de 39 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 36% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 45%, e o PNB por habitante é de 540 $ EE UU.
Goberno e política
Colonia británica independente no ámbito da Commonwealth desde o 27 de abril de 1961, é unha república. A Constitución do 1 de outubro de 1991 ten diversas enmendas. O poder executivo pertence ao presidente, que é xefe de estado e de goberno. Elíxese para un período de 5 anos e ten un límite de dous mandatos. Está asistido polos Ministers of State, elixidos polo presidente coa aprobación da House of Representatives. Esta é o parlamento unicameral formado por 124 membros dos que 112 son elixidos polo pobo e 12 polos principais xefes nunha votación propia; elíxense para un período de 5 anos. O seu sistema xudicial conta coas Supreme Court, Appeals Court e High Court. As principais forzas políticas son: Sierra Leone People’s Party (SLPP); All People’s Congress (APC) e Peace and Liberation Party (PLP). Organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
Desde tempos prehistóricos as tribos bulom habitaban na zona costeira e arredor do s XV chegaron os pobos temne, que formaron pequenos reinos con consello de goberno. A finais do s XVI os portugueses visitaron as súas costas e estableceron nelas diversas factorías. No s XVIII chegou a influencia islámica. Un grupo de escravos americanos liberados fundou unha colonia (1787-1789), retomada en 1791 pola compañía de Serra Leoa, e que reconstruíu Freetown con ex-escravos procedentes de Nova Escocia e Xamaica. Moitos deles eran xente culta e de relixión cristiá. Ata finais do s XIX a colonia alcanzaba só Freetown. En 1886 foi proclamado o protectorado británico, e en 1961 Serra Leoa alcanzou a independencia tras un proceso moi pacífico, conducido polo SLPP de Milton Margai. A recesión económica e os problemas raciais entre crioulos e autóctonos levaron a M. Margai, substituído en 1964 polo seu irmán Albert Margai, cara a unha actitude autoritaria cun partido único de base étnica. O 19 de abril de 1971 Serra Leona converteuse en república e S. P. Stevens no seu primeiro presidente. As dificultades económicas levaron a S. Stevens a endurecer o seu réxime, e en 1978 adoptouse unha nova constitución que só admitía un partido político, o APC. En 1985 S. Stevens foi sucedido polo xeneral Joseph Saidu Momoh, que en 1992 foi deposto polo golpe de estado militar de Valentine E. M. Strasser. En 1996 os militares devolvéronlle o poder aos civís. Nas eleccións presidenciais do mesmo ano Ahmad Tejan Kabbah foi proclamado novo presidente, e nas eleccións lexislativas posteriores gañou o SLPP. Desde 1991 o goberno mantivo unha guerra civil co Revolutionary United Front (RUF) que acabou cun gran número de mortos e provocou máis de 2 millóns de desprazados. En xaneiro de 2002 Ahmad Tejan Kabbah proclamou o fin da guerra, medida ratificada co peche oficial en 2004 da comisión encargada do desarme das milicias. As forzas de paz da ONU manteñen a súa presenza no país aínda que reduciron os seus efectivos en 2005. Tamén se mantén a presenza militar de Reino Unido.