Seychelles
Estado insular de África, situado no Océano Índico, ao N de Madagascar (455 km2; 80.000 h [estim 2001]). A súa capital é Victoria (28.000 h [1999]).
Xeografía
Comprende máis de 100 illas, dispersadas polo océano, divididas en dous grupos: o grupo de Mahé, de formación granítica e constituído polas illas de Mahé, Praslin, Silhouette e La Digue; e diversas illas de formación coralina. As grandes illas graníticas son montañosas e de costas altas. O clima é caloroso e húmido, con precipitacións no verán provocadas polos alisios. O bosque tropical quedou reducido ás partes máis inaccesibles e foi substituído por plantacións de vainilla, cultivos alimentarios (pataca doce, mandioca, bananeira e cana de azucre), plantas téxtiles e coqueiros que dan lugar á exportación de copra. Os perfumes e as esencias obtidos de especies que crecen salvaxes a grande altitude, sobre todo o cinamomo ou árbore do paraíso, favoreceron a creación de pequenos establecementos industriais. Hai unha discreta cría de gando porcino, cabrún e bovino. Explótase tamén a pesca, o sal e algúns depósitos de guano. Destacan as industrias de conservas de peixe e esencia de cinamomo, cervexa e outras bebidas, cigarros, construción de barcos e outras actividades de pequena escala. Importa bens de consumo, maquinaria e equipamento de transportes, alimentos e petróleo refinado de Reino Unido, Iemen e Singapur; e exporta produtos petroleiros (reexportación), peixe, copra e cinamomo a Reino Unido, Francia e Reunión. O turismo, xunto coa contribución de capitais estranxeiros, explica o alto nivel de vida acadado. Os únicos núcleos urbanos están en Mahé e en Praslin.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os grupos étnicos maioritarios son os crioulos (89%), os indios (4,7%), os negros (3,1%), os chineses (1,6%) e outros (1,6%). As linguas oficiais son o inglés, o francés e o seselwa (crioulo de base francesa). A maioría da poboación, o 86,6%, é católica.
Desenvolvemento humano e goberno
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Seychelles entre os países cun desenvolvemento humano alto (posto 35º, cun índice do 0,853). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 66 anos para os homes e de 77 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 99,8% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 85%, e o PNB real por habitante é de 18.232 $ EE UU.
Goberno e política
República presidencialista, independente desde o 29 de xuño de 1976 no ámbito da Commonwealth, segundo a constitución do 18 de xuño de 1993, o presidente da república elíxese por sufraxio universal para un período de 5 anos. A Assemblée Nationale/National Assembly, composta por 34 membros, dos que 9 son elixidos por representación proporcional, elíxese para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase na common law británica, no dereito francés e no dereito consuetudinario. A pena de morte está en vigor para os delitos cometidos en tempos de guerra. Os principais partidos políticos son o Front Progressiste du Peuple Seychellois (FPPS); o Seychelles National Party (SNP); e o Democratic Party (DP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, ONU, Organización da Unidade Africana (OUA), Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC) e está asociado á UE.
Historia
As Seychelles foron descubertas polos portugueses en 1505 e exploradas en 1742-1744 polo francés Lazare Picault. Colonizadas pola Compañía Francesa das Indias Orientais, foron posteriormente ocupadas polos ingleses (1794) e anexionadas á coroa británica en 1810. En 1976 acadaron a independencia dentro do ámbito da Commonwealth. En 1977, despois dun golpe de estado, un partido socialista e neutralista (o FPPS) alzouse co poder. O réxime enfrontouse con diversas revoltas e intentos de golpe de estado ata que a finais de 1992 se abriu ao multipartidismo; o 18 de xuño de 1993 aprobouse por referendo unha nova constitución e tiveron lugar as primeiras eleccións lexislativas e presidenciais. France-Albert René, do FPPS, foi elixido xefe de Estado e de Goberno en 1977 e reelixido en 2001. En 2004 foi substituído por James Alix Michel, do mesmo partido.