Shakespeare, William

Shakespeare, William

Poeta, dramaturgo e actor inglés. Arredor de 1588 instalouse en Londres, e axiña se deu a coñecer como actor, na compañía Chamberlain’s Men, e como dramaturgo. Os seus primeiros poemas, “Venus and Adonis” (1593) e “The Rape of Lucrece” (1594), dedicoullos ao conde de Southampton, o seu mecenas. Neste momento comezou a escribir as súas grandes obras, que representaba o seu amigo Richard Burbage, en The Theatre, The Curtain e The Globe. Cando morreu a Raíña Elisabet (1603), a compañía Chamberlain’s Men púxose baixo o padroado de Xaime I e pasou a chamarse King’s Men. Cara a 1611 retirouse a Stratford, despois de actuar na escena durante vinte anos e crear a maior serie de obras teatrais concibidas por un único home. Tras a súa morte, dous dos seus compañeiros de teatro, Heminges e Condell, publicaron as súas obras (1623). Ignórase a data de composición de moitas delas, aínda que se pode establecer unha cronoloxía aproximada. Antes de 1593: Henri VI, Titus Andronicus, Love’s Labour’s Lost, The Two Gentlement of Verona e The Comedy of Errors. Entre 1594-1596: King John, The Tarning of the Shrew, Richard III, Romeo and Juliet, Richard II, Midsummer Night´s Dream, The Merchant of Venice e All’s Well That Ends Well. Entre 1597-1600: Henri IV, Henri V, The Merry Wives of Windsor, Much ado About Nothing, Twelfth Night e As You Like It. Entre 1601-1608: Julius Caesar, Hamlet, Macbeth, Othello, Troilus and Cressida, Measure for Measure, King Lear, Timon of Athens, Coriolanus e Pericles. Despois de 1608: Cymbeline, The Winter’s Tale, The Tempest e Henri VIII. As súas traxedias exploran as recónditas sombras da paixón e os perennes enigmas da condición humana. En Galicia, a súa obra tivo unha gran repercusión en autores como Álvaro Cunqueiro, que escribiu numerosos artigos sobre este autor e reinventou un dos seus personaxes en O incerto Señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958). Varias das súas obras foron traducidas ao galego, especialmente na colección Biblioteca Willian Shakespeare. Compañías teatrais como o Centro Dramático Galego e Teatro do Noroeste traduciron e adaptaron As alegres casadas (1989), Un soño de verán (1992) e Ricardo III (2005), e Rei Lear (1990), Macbeth (1994) e Noite de Reis (1996), e a produtora galega Dygra realizou o filme de animación O soño dunha noite de San Xoán (2005).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Stratford

  • Deceso

    Lugar : Avon

  • Deceso