Siberia
Rexión oriental de Rusia, que se estende tradicionalmente sobre toda a parte setentrional de Asia, desde os Urais ao Pacífico e desde o Océano Ártico ás planicies desérticas de Kazakhstán, Mongolia e Manchuria (10.000.000 km2; 30.000.000 h).
Xeografía
As principais rexións fisiográficas de Siberia son: a planicie de Siberia Occidental, a penechaira de Siberia Central, as montañas de Siberia Meridional (Altai, Sajan Occidental, Sajan Oriental, montañas de Tuva, Baikal e Transbaikal), o sistema orográfico do NL, as serras de Verkhojansk e o altiplano de Kolyma. O clima é cru e extremadamente continental. O solo conxélase en profundidade, e a capa conxelada perennemente ocupa máis de 6 millóns de km2. A maioría dos ríos, incluíndo os máis grandes e caudalosos (Obi, Irtyš, Ienisei e Lena) desembocan cara ao Océano Ártico. Os ríos navegables suman máis de 100.000 km. Os máis empregados para o transporte son o Obi, co Irtyš, o Ienisei, o Lena co Aldan e o Angara. Entre os lagos, numerosos, destacan o Baikal, o Tajmyr, o Čany e o Telec. Siberia comprende, de N a S, catro zonas botánicas: desertos árticos; tundra e bosque-tundra, con solos de turba e podzólicos e vexetación de fentos, liques, arbustos ananos e herbas perennes; taiga, con solos podzólicos e manto herbáceo de podzol e bosques de abetos, coníferas e alerces siberianos; e bosque-estepa e estepa con solos grises. Os rusos xunto cos ucraínos compoñen o 89,2% da poboación. O resto son mongois buriatos, iacutos, tuvianos, caucasianos, montañeses do Altai e paleosibéridos. Das cidades máis importantes cómpre mencionar Novosibirsk, Omsk, Krasnojarsk, Irkutsk, Barnaul, Kemerovo, Tomsk e T’umen’. A economía, baseada na caza de animais de peles preciosas, foi derivando cara á explotación da madeira, pesca, agricultura e, sobre todo, a minaría: hulla, antracita, principalmente na conca de Kuzbass, petróleo, gas natural, ferro, polimetais, ouro, diamantes ou grafito. Xurdiron grandes industrias, como a terceira siderurxia de Rusia (Kuzbass-Kombinat), metalurxia non férrica, maquinaria e petroquímica. Desde a década de 1970 construíronse gasodutos que levan o gas de Siberia aos países de Europa occidental.
Historia
Habitada desde o Paleolítico Medio, os centros máis importantes foron as culturas de Afanasjevo (no curso superior do Ienisei), a de Andronovo (desde o Altai ata as estepas meridionais rusas) e as posteriores de Tagar e Taštyj (no curso superior do Ienisei). Durante o primeiro milenio a C, diversos pobos nómades percorreron Siberia meridional ameazando aos imperios de China, India, Persia e Europa oriental. A partir dos ss VI e VII toda a banda meridional foi dominada polos turcos, suplantados no s XIII polos mongois. Mentres que a banda oriental formaba parte do khanato de Chagatai, a occidental pasou a ser dominio da Horda de Ouro. Despois da desaparición desta, constituíuse un khanato independente, xa co nome de Siberia (1495). Coa conquista de Kazan’ por Iván IV de Rusia (1552) iniciouse a verdadeira penetración rusa en Siberia. A familia boiarda dos Stroganov obtivo privilexios do tsar para a conquista económica do territorio do río Kama, mentres que os cosacos conquistaban todo o khanato ata a Tara (1594). Foron fundados os puntos estratéxicos sobre o río Irtyš, o Ienisei e o Lena, ata chegar a Jakutsk (1632). Cara ao final do s XVII, pequenos grupos de cosacos chegaron ao Océano Pacífico. Baixo o reinado de Pedro I de Rusia, Siberia converteuse nunha verdadeira colonia rusa. A partir de 1697, o estado monopolizou o comercio das peles e converteuno nun lugar de internamento de prisioneiros. Desde o punto de vista administrativo, dependía de Sibirskij Prikaz (1637-1760?), aínda que desde 1708 Tobol’sk foi escollida como capital do goberno e en 1822 creouse un goberno xeral con tres subdivisións: Tobol’sk, Irkutsk e Jakutsk. Paralelamente a estas empresas, dominábanse aos pobos caspios e caucásicos (toma de Bukhara e Khiva, en 1873). Siberia foi colonizada a partir do s XVIII por servos e sobre todo por prisioneiros políticos condenados a traballos forzados ou ao exilio (o máis famoso foi Lenin) e, a partir do s XIX, tamén polos buscadores de ouro. Para o réxime soviético e posteriormente para Rusia, Siberia foi unha importante fonte de riquezas xeolóxicas e de materias primas.