Sicilia
Illa situada entre o Mar Tirreno e o Xónico, a maior do Mar Mediterráneo, Italia (25.708 km2; 4.866.202 h [2001]). A súa capital é Palermo. Preto da costa oriental atópase a masa volcánica do Etna (3.323 m) e ao S deste ábrese a ampla depresión de Catania. O seu clima é mediterráneo, con invernos suaves e veráns calorosos e moi secos. A poboación duplicouse ao longo do s XX debido principalmente a unha alta taxa de natalidade. As principais cidades son Palermo, Catania, Messina e Siracusa. A agricultura, a pesar do seu baixo rendemento, ten unha grande importancia e os cultivos máis estendidos son os cereais, a vide e a oliveira. É rica en xacementos de xofre, sal, petróleo e gas natural. A illa goza, dentro da constitución italiana, dunha certa autonomía e dun estatuto especial desde 1942, aínda que Siracusa, fundada polos dorios en 734 a C, impúxose en toda a illa. Sicilia foi conquistada polos romanos (s III a C) e polos bizantinos en tempos de Xustiniano, foi invadida polos árabes (826), período en que acadou unha gran prosperidade económica e a partir de 1061 os normandos comezaron a apoderarse da illa. En 1195 o Emperador Enrique VI recibiu a coroa siciliana e co seu fillo e sucesor, Federico I de Sicilia, houbo un período de prosperidade. Á súa morte (1250) impúxose un sucesor sometido ao papa: Carlos de Francia (Carlos I de Sicilia). O dominio francés provocou un malestar na illa e algúns nobres viron ao infante Pedro, fillo de Xaime I de Aragón, como candidato a sucesor. A revolta contra o dominio francés, as Vésperas Sicilianas (1282) déronlle a ocasión de intervir. Polo Tratado de Caltabelotta (1302) recoñeceuse a Federico II a posesión vitalicia da illa. Á morte de Federico III (1377) producíronse novos conflitos sucesorios. A Raíña María de Sicilia casou con Martiño I, fillo de Martiño I de Aragón, que se converteu en rei de Sicilia á morte do seu fillo en 1409. Desde entón, a illa permaneceu nas mans da coroa aragonesa ata que, tras a Guerra da Sucesión, pasou en 1713 a dominio do duque de Savoia. En 1720 Sicilia pasou a Austria e despois formou parte do Reino de Nápoles e Sicilia. En 1816 formouse o Reino das Dúas Sicilias. En 1860 a illa foi ocupada por Garibaldi. En outubro do mesmo ano un plebiscito decidiu a súa incorporación ao novo Reino de Italia.