Sierra Nevada

Sierra Nevada

Macizo máis elevado da Península Ibérica, no núcleo da cordilleira Penibética. As formas pesadas e arredondadas das lousas e dos xistos cristalinos do seu eixo non impiden que se ergan nela os picos Mulhacén (3.478 m), Veleta (3.392 m) e Alcazaba (3.366 m). A altitude baixa cando os materiais cambian de paleozoicos a triásicos, e volve ascender co triásico calcario da periferia, que se mantén nunha altitude de 2.500-2.000 m ata preto dos vales do macizo dos ríos Genil e Guadiana Menor (afluentes do Guadalquivir), Gérgal e Andarax, Cádiar e Lecrín (que forman o Guadalfeo). Estes ríos aliméntanse das neves de Sierra Nevada, que orixina os contrastes máis brutais da Península Ibérica ao pasar en 30 km de altitudes alpinas (3.000 m) ao mar. Foi declarado Parque Nacional o 11 de xaneiro de 1999 e Reserva da Biosfera en 1986. Cunha superficie de 86.208 ha pertence ás provincias de Granada e Almería. Representa os sistemas naturais ligados á media e á alta montaña mediterránea. Hai máis de 2.000 especies vexetais das que 66 son endemismos. Nas zonas máis elevadas a flora está representada unicamente por liques que sobreviven, e conforme se descende aparece a vexetación de tundra, aínda que o elemento predominante da área é a vexetación mediterránea. En canto á fauna destaca a presenza de anfibios, réptiles, mamíferos, aves e 80 especies de insectos endémicos, da que a cabra montesa (Capra pyrenaica) é a especie máis característica do parque.