Silva, Luiz Inácio Lula da
Político brasileiro. De ascendencia humilde, comezou a traballar aos 14 anos nuns almacéns; pouco despois fixo un curso de torneiro e converteuse en metalúrxico. Tras pasar por varias fábricas chega a Industrias Villares, unha das principais empresas do ramo, onde comeza a ter contacto co movemento sindical por intermedio do seu irmán José (coñecido como Frei Chico). En 1969 foi elixido suplente da directiva do Sindicato dos Metalúrxicos de São Bernardo do Campo e Diadema, e en 1972 converteuse en primeiro secretario. En 1975 foi elixido presidente do sindicato co 92% dos votos, pasando a representar a cen mil traballadores. Reelixido varias veces, Lula encabeza varias folgas do sector metalúrxico. A represión policial e a práctica inexistencia de políticos que representasen aos obreiros lévano a fundar en 1980 o Partido dos Trabalhadores. Dous anos despois o PT xa estaba implantado en case todo Brasil, e Lula presentouse como candidato a gobernador de São Paulo. En 1984 axuda a fundar a CUT, Central Única dos Trabalhadores. En 1986, nas eleccións para a Assembléia Constituinte, foi o deputado federal máis votado do país. En 1989 preséntase como candidato do PT á Presidencia da República. Perde na segunda volta por pouca diferencia, pero dous anos despois liderou unha movilización nacional contra a corrupción que acabou co goberno de Fernando Collor de Melo. En 1994 e 1998, Lula volveu a presentarse ás presidenciais, pero foi derrotado por Fernando Henrique Cardoso. No ano 2002 o PT se une a un amplo abano de partidos e crea un ousado programa de goberno centrado no social, no que afirmou que as prioridades do seu goberno eran a loita contra a fame e o paro. O 27 de outubro de 2002, aos 57 anos de idade e con case 53 millóns de votos, Luiz Inácio Lula da Silva é elixido Presidente da República Federativa do Brasil. Recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional en 2003. En 2006 foi reelixido presidente con máis de 58 millóns de votos. En 2008, a revista Newsweek o considera unha das persoas máis influentes do mundo. O seu goberno conseguiu reducir a inflación e o paro, facer medrar o PIB e as exportacións, favorecer os micro créditos e pagar as debeda do país ao Fondo Monetario Internacional. En política exterior lidera o Mercosur e loita por unha América Latina máis independente, busca relacións comerciais co mundo árabe e África e tenta acadar que Brasil sexa membro permanente do Consello de Seguridade da ONU.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Garanmhuns, Pernambuco