simbiose

simbiose

(< grσυμβίωσις ‘vida en común’)

  1. s f [BIOL/ECOL]

    Estado de interdependencia fisiolóxica equilibrada de dous ou máis organismos de diferentes especies en que non se estimulan de xeito permanente mecanismos de reacción defensiva. Na simbiose, que pode ser permanente ou temporal, todos os organismos que interveñen obteñen un certo beneficio dela. Os graos de simbiose van desde a necesidade vital de cada un dos organismos (caso da alga e do fungo que só poden vivir na simbiose denominada lique) ata os casos en que se pode falar máis propiamente de parasitismo atenuado, máis ou menos soportado polo hóspede. Algúns exemplos destacables de simbiose son os dos microorganismos que habitan no conduto dixestivo dos animais superiores, os dalgúns fungos que aumentan a capacidade absorbente das raíces de diversos vexetais, e o das bacterias do xénero Rhizobium que viven nas raíces das fabáceas e fixan nitróxeno molecular.

  2. s f [SOCIOL]

    Relación que sustenta a estrutura dun grupo humano, tanto no seu aspecto espacial coma na división de traballo, e que inclúe vantaxes recíprocas entre os seus diversos compoñentes.