sinagoga

sinagoga

(< lat synagōga < grσυναγωγή)

  1. s f [RELIX]

    Lugar de reunión para o culto xudeu (bet ha-keneset). Nun principio estaba destinada unicamente á lectura pública e ao estudo da Lei, e non á pregaria ou ao culto propiamente dito. No Libro de Nehemías atópase un esquema da futura liturxia sinagogal, que consiste na lectura dunha perícope do Pentateuco e outra dos profetas, precedidas pola recitación do texto Escoita, Israel (Semá’) e as Dezaoito Bendicións (Semoné ‘esré), e seguidas dunha homilía por parte do presidente ou dun membro da asemblea invitado por el. As sinagogas non sempre foron edificios especiais. As dos ss III ao VII, construídas ordinariamente en forma basilical de tripla nave, tiñan bancos de pedra arredor para os homes, e moitas veces galerías superiores para as mulleres, aspecto que continúa sendo norma entre os xudeus ortodoxos. Nas modernas sinagogas reformadas, nas que non hai separación de sexos e onde se empregan o órgano e outros instrumentos, a disposición interna pode tomar formas particulares. Desde o s XX, sobre todo en EE UU, son edificios complexos en que ademais hai biblioteca, escola, salas de reunión e outras dependencias.

  2. s f [RELIX]

    Asemblea de culto dos fieis xudeus.