sintetizador -ra

sintetizador -ra

(

  1. adx e s

    Que ou quen sintetiza.

  2. s m [TECNOL/MÚS]

    Aparato formado por un teclado análogo ao dun piano e un panel de control que permite obter sinais eléctricos complexos a partir de sinais eléctricos simples, que poden ser imitacións de instrumentos convencionais, ruídos naturais ou outros sons ou desexados. Poden conectarse a sistemas controlados por ordenador e empréganse sobre todo na música electrónica.

  3. sintetizador de voz [TECNOL/LING]

    Aparato electroacústico capaz de xerar sons dunha composición espectral semellante á da voz humana. Basicamente hai dúas técnicas: a parametrización e a segmentación. Nos sintetizadores por parametrización, para a interpretación do tracto bucal establécese un número de parámetros que inicialmente foron as coordenadas de posición da lingua, a mandíbula e os labios, pero posteriormente incorporouse a posición do veo do padal, o que permitiu definir completamente a articulación correspondente a cada fonema. A codificación da voz redúcese a uns poucos parámetros: a frecuencia central e a banda dos formantes (xeralmente tres ou catro), o nivel enerxético total, a presenza ou ausencia de sonoridade do son e a frecuencia fundamental do son que se desexa producir. Os sintetizadores por segmentación optan pola elección de unidades básicas que cómpre reter na memoria. A lingua falada baséase en sons dunha cadea fonética, interrelacionados estreitamente, xa que cada fonema está alterado polo anterior e polo posterior. Pódese, polo tanto, sintetizar a voz a partir de fonemas e por iso se emprega como unidade básica o difonema: desta maneira, combinando difonemas chégase a unha aproximación da fala moito máis perfecta e satisfactoria. Hai que superpoñer, ademais, a frecuencia fundamental, a intensidade e a duración de cada difonema. Existe unha variante deste método en que a unidade básica é a semisílaba, e mesmo existe a posibilidade de partir de unidades máis extensas, como as sílabas ou as palabras. No Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades levouse a cabo a construción de Cotovía, un conversor texto-voz para o galego, pero que funciona tamén para o castelán. É un proxecto interdisciplinar desenvolvido por un equipo de enxeñeiros superiores de telecomunicacións da Universidade de Vigo, dirixidos primeiro por Carme García Mateo, e posteriormente por Eduardo Rodríguez Banda, e outro de lingüistas da Universidade de Santiago de Compostela, dirixidos polo profesor Manuel González González.

Palabras veciñas

sintetismo | sintetizábel | sintetizable | sintetizador -ra | sintetizar | síntipo | síntoma