Siracusa
Capital da provincia homónima situada na illa de Sicilia, Italia (121.000 h [2001]). Fundada segundo a tradición por colonos corintios, adquiriu unha grande importancia comercial e comezou a fundar colonias no interior de Sicilia. Gobernada durante o s VI a C por unha aristocracia, a comezos do s V a C foi conquistada por Xelón e, á súa morte, o seu irmán Hierón loitou contra Catania, derrotou os etruscos en Cumas e obtivo o dominio comercial do Baixo Tirreno; ademais acolleu na súa corte aos máis grandes poetas do seu tempo: Simónides, Baquílides, Píndaro e Esquilo. Caída a tiranía dos Dinoménidas, a cidade foi gobernada por un réxime democrático ata que entrou en conflito con Atenas, que rematou (413 a C) cunha gran vitoria siracusana. Baixo o goberno de Dionisio I, a cidade viviu o seu período máis esplendoroso. Conquistada polos romanos, gozou dunha situación de privilexio no conxunto da provincia de Sicilia. Ocupada polos vándalos, foi conquistada polos bizantinos (535) e sometida polos árabes (878). En 1085 foi liberada polos normandos. Apoiou a Federico de Aragón na súa loita contra Roberto de Anjou, e a partir de entón obtivo numerosos privilexios dos monarcas aragoneses. Fiel á monarquía hispánica ao longo do s XVII, foi liberada da tutela borbónica en 1860. Destacan o templo de Atenea do s V a C, o Apollónion, os restos do foro e da ágora, o teatro e a monumental ara de Hierón II.