Siria

Siria

Rexión de Próximo Oriente antigo que comprendía, aproximadamente, Siria e Líbano. Desde o punto de vista físico estaba dividida nunha franxa costeira, a estepa e o deserto sirio, e desde o político en Siria meridional, con Damasco, Biblos, Sidón, Tiro e Kadeš como principais núcleos de poboación; Siria central, con reinos importantes (Neye, Nukhašše e Amurru) e con Ugarit, Hamath, Ṣ umura e Qatna como cidades estado máis características; e Siria setentrional onde estaban radicadas, entre outras, dúas cidades estado de primeira magnitude: Karkemiš e Alepo. Encrucillada e lugar de paso obrigado de tres mundos (mesopotámico, hitita e exipcio), foi unha zona receptora de inmigración (amoritas, hurritas e outros). A súa inveterada fragmentación política (predominando a fórmula da cidade estado), favoreceu a súa submisión ás potencias da época (Exipto, Mitanni, país dos hatti ou hititas e Asiria). A primeira referencia escrita data do reinado de Lugalzagissi (2371?-2347 a C), soberano sumerio de Uruk, segundo a cal este marchou ata o Mediterráneo. Sargón I de Acad (2371-2230 a C), conquistou varias cidades sirias (Māri, Ebla). A III dinastía de Ur (2113-2006 a C) tivo gobernadores en Māri, Tutul e Biblos. Os amoritas, chegados aproximadamente en 2400 a C, destruíron a civilización urbana. Durante os ss XVIII e XVII a C, Siria entrou nunha fase fecunda grazas á formación dunha serie de reinos como os de Karkemiš, Qatna, Amurru, Ugarit e, sobre todo, Māri e Alepo. Foi tamén nese momento cando comezaron a aparecer os hurritas. Centrados basicamente ao N de Mesopotamia, convertéronse nunha potencia na fase seguinte (Reino de Mitanni). Mitanni impúxose ao N de Siria no transcurso do s XVI, mentres Exipto, que desexaba crear un estado tapón tras a experiencia dos hicsos, adoptou unha política activa respecto a Asia. Tuthmosis I (1525-1512 a C) chegou ata o Éufrates. Esta expansión foi ampliada no s XV por Tuthmosis III, que conquistou Palestina e Siria meridional e central; na súa progresión topou con Mitanni. A partir do reinado de Tuthmosis IV (1425-1417 a C), Exipto levou a cabo unha política de diplomacia co matrimonio do faraón cunha princesa de Mitanni a causa do perigo hitita. Esta ameaza concretouse no s XIV a C, no reinado de Amenofis III e sobre todo durante o de Akenatón, cando Šuppiluliumaš I (1380-1346 a C) destruíu Mitanni e ocupou as posesións de Exipto en Siria. Exipto recuperou unha boa parte destes territorios grazas a Seti I (1310-1304 a C), pero volveron ser perdidas por Ramsés II (1300 a C). A finais do s XIII e comezos do XII, o país dos hatti e unha serie de cidades sirias (como Ugarit) foron destruídas polos pobos do mar. Ao morrer Ramsés III os exipcios perderon todos os seus territorios asiáticos. Foi tamén nesta época cando xurdiron no N de Siria os reinos neohititas (Alepo, Karkemi ṣ , Khattina), e cando Fenicia iniciou a súa expansión marítima. En Siria fundáronse estados arameos no s XI a C, como Bet Rehov, Ma’aka e sobre todo Zoba ou Soba. No s IX a C mentres os arameos incrementaban o seu poder en Siria, con estados como Damasco, gobernado por Ben-Hadad I, os asirios comezaron a intervir no país, obrigando a pagar tributo aos reinos neohititas de Karkemi ṣ e Khattina (Assurnasirpal II, Salmanassar III) e aos arameos de Bît Adini e Bît Aguši (Salmanassar III). Os asirios conseguiron a total submisión da rexión en época de Sargón II (721-705 a C), que a anexionou ao Imperio Asirio. A derrota final de Asiria polos medos e os babilonios (610 a C) implicou a incorporación de Siria aos dominios da dinastía caldea ou neobabilónica (626-538 a C), e a vitoria de Ciro II o Grande sobre Nabonido a súa anexión ao Imperio Persa (ss V-IV a C). Xunto a Palestina e Chipre, Siria converteuse na quinta satrapía do Imperio Persa (539-333 a C). Ocupada por Alexandre o Magno (333 a C), os seléucidas practicaron nela unha política de helenización intensiva. Reducida a provincia romana, foi reforzada pola anexión progresiva de pequenos reinos fronteirizos. O cristianismo estruturouse cedo en Siria; en 325 formouse o patriarcado de Antioquía. Os seus desertos foron o berce do monacato. Siria foi o principal centro de elaboración (ss IV-VI) das doutrinas cristolóxicas máis tradicionais e ortodoxas, que só por motivacións políticas se converteron en herexía, como o nestorianismo. A oposición posterior de Antioquía a Constantinopla explica tamén a aceptación do monofisismo que caracteriza contraditoriamente á Igrexa siria ou xacobita. A ocupación musulmá iniciouse na campaña de ḫ ālid ibn al-Walid en 633. A partir de 639, ano en que a ocupación total xa era un feito, Siria mantivo a presenza dun gobernador nomeado polo califa; o primeiro deles, Mu’awiyya I, encabezou en 661 a dinastía omeia. A pesar do esplendor alcanzado polo Califato de Damasco (661-750), as desordes internas ocasionadas sobre todo polas rivalidades entre as diversas tribos árabes e a escisión xiíta, provocaron o derrocamento da familia omeia e a instauración do Califato de Bagdad cos abbásidas. A mediados do s IX, coa decadencia abbásida e o desmembramento do Califato de Bagdad, e co crecente poder fatimita, proliferaron en Siria diversas dinastías máis ou menos locais, como a dos tulúnidas de Exipto (879-905), a dos ikhxiditas (935-969) e a hamdanida de Alepo e Mosul (929-1003). Recuperado o norte do país polos bizantinos a finais do s XI, as incursións dos cármatas do Bahrain, os asasinos, e o avance dos selxúcidas e a súa entrada en Damasco en 1077, fraccionaron aínda máis a zona coa creación de diversos emiratos (Alepo, Damasco, Trípoli), e a zona costeira, xunto a Xerusalén, pasou a mans dos fatimitas de Exipto. O triunfo da primeira cruzada (1098-1124) permitiu a creación dun estado feudal na costa, o Reino Latino de Xerusalén. Tras a eliminación do reino latino por Saladino I, Siria quedou dividida en dous principados: Alepo (1183-1260) e Damasco (1186-1260). Estes non puideron plantar cara ás acometidas dos mamelucos bahritas de Exipto; o máis notable deles, Baybars, eliminou a seita dos asasinos (1272) e os mongois (vitoria de Baybars sobre Hülegü, 1260). A dominación otomá de Siria, que tivo unha duración de catro séculos, caracterizouse polo descontrol dos paxás nomeados polo sultán en cada unha das tres provincias ou vilayets (Alepo, Damasco e Trípoli) en que foi dividido o país. Co declive da autoridade da Sublime Porta, Ibrāhīm Paxá ocupou o territorio en nome de Exipto (convención de Kütahiya, 1833). O centralismo e a dureza fiscal do goberno exipcio provocaron o descontento da poboación e, tras a revolta popular de 1840, as tropas exipcias tiveron que evacuar o país e devolvelo ao sultán, grazas á intervención das nacións occidentais, que aproveitaron a ocasión para introducirse no país. Os anos que precederon á Primeira Guerra Mundial estiveron marcados polo nacemento dun nacionalismo árabe sostido por Reino Unido. Grazas ás promesas británicas, os árabes aliáronse cos británicos e alzáronse contra Turquía, e o xeneral Allenby liberou Palestina (1917) e Damasco (1918). Pero contraditoriamente o goberno de Londres concedeulles aos sionistas na Declaración de Balfour (1917) o establecemento dun fogar nacional xudeu en Palestina, e Reino Unido abandonou a causa da independencia árabe e cedeu ás presións dos franceses, que obtiveron o mandato sobre Siria e Líbano na Conferencia de San Remo (1920). As tropas británicas invadiron Siria (1941) e De Gaulle levou tropas a Líbano e bombardeou Damasco para reprimir unha insurrección (1945). A situación tensa rematou coa evacuación das tropas franco-británicas de Siria (1946), o que permitiu finalmente a creación dos estados independentes de Siria, Líbano (1946) e Israel (1948).