Sisargas, Illas

Sisargas, Illas

Arquipélago da Costa da Morte que está situado fronte ao cabo San Adrián, no concello de Malpica de Bergantiños, no litoral atlántico. Está formado por tres illas: Sisarga Grande, Malante e Sisarga Chica. Nelas concéntranse a práctica totalidade das colonias de gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) e arao común (Uria aalge) da Península Ibérica e tamén a principal colonia de gaivota escura (Larus fuscus) da Península. Predomina a vexetación de mato con especies do xénero Cytisus e unha pequena poboación de piñeiros. Foi incluído como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) na proposta da Rede Natura 2000, dentro do espazo da Costa da Morte.