Sistallo, pazo de
Construción situada en Sistallo (Cospeito). Proxectado a mediados do s XVIII por Clemente Fernandez Sarela, a obra fóralle encargada polo prior de San Xoán de Caaveiro. De estilo barroco, ten planta rectangular, dous pisos e cuberta de lousa a catro augas, sobre a que destacan as dúas chemineas de perpiaño. Sobre os muros da fachada sobresaen varias placas graníticas que molduran fiestras e portas. Sobre cada unha das tres portas de acceso da fachada principal hai un balcón e, sobre o central, sobresae o escudo de armas da familia. Na fachada O hai unha escaleira de pedra e o patín. Ten unha escaleira interior monumental con dobre balaustrada e construída integramente en granito. Conserva unha capela con retablo renacentista e un xardín cunha fonte de granito. O conxunto foi restaurado en 1973.