Sistema Monetario Europeo

Sistema Monetario Europeo
Nome científico: [SME; ingl: European Monetary System, EMS]

Sistema monetario implantado e adoptado pola CEE en Bremen, en 1979, co obxectivo de estabilizar os tipos de cambio, reducir a inflación, preparar a unificación monetaria europea e fomentar a cooperación. O seu antecesor foi o Plan Werner, baseado na redución das marxes de flutuación dos tipos de cambio das moedas da CEE, a coordinación de políticas monetarias presupostarias e rexionais e a creación dunha moeda europea. Non obstante, as marxes eran tales que non permitían establecer unha área monetaria estable, polo que se decidiu crear un sistema de flutuación exclusivo das moedas comunitarias. Tres foron os seus elementos constitutivos: o ECU, como unidade monetaria formada por porcentaxes determinadas correspondentes á moeda de cada país participante, en función da contribución destes á CEE e aos intercambios comunitarios; o mecanismo de cambio e intervención (MTC), que establecía os límites multilaterais de flutuación e a intervención no mercado; e os mecanismos de crédito, como o Fondo Europeo de Cooperación Monearia (FECOM), destinados a manter as marxes máximas de flutuación das moedas e a financiar os déficit temporais da balanza de pagos.