Sistema Monetario Internacional
Conxunto de organismos financeiros, relacións ou convenios que rexen o transvasamento dos fluxos monetarios entre países, derivados dos intercambios internacionais. Os membros adscritos a el aceptan a moeda patrón e as regras de xogo establecidas. O sistema considérase máis ou menos apto en función da flexibilidade que teña a moeda base para adaptarse ás necesidades derivadas do volume dos intercambios dos prezos e da velocidade de circulación dos cartos. Desde a primeira metade do s XIX ata a Primeira Guerra Mundial, estableceuse o patrón ouro, e entre 1924 e 1931 o patrón lingote de ouro, co que unicamente servía o ouro de reserva. A partir da Conferencia Bretton Woods (1944), o dólar converteuse na moeda clave do novo sistema, que en 1971 abandonou a convertibilidade en ouro, feito que comportou que as outras moedas quedasen en situación de flutuación, tanto respecto do dólar coma entre elas. A implantación do euro en 1999 converteuse nun rival monetario, cunha importante representación, non só nos países da Unión Europea, senón tamén en Europa do L, Rusia e parte de Asia e Oriente Medio, e cunha cotización superior á da moeda estadounidense.