Sixto Seco, Agustín
Médico cirurxián e galeguista. Fundou o Instituto Policlínico La Rosaleda (1964), a Sociedad de Cirugía de Galicia (SOCIRGA, 1974) e a Sociedad Gallega de Cirugía Ortopédica y Traumatología (SOGACOT, 1980), da que foi o seu primeiro presidente e presidiu a Sociedad Española de Cirugía Ortopédica y Traumatología (SECOT, 1982). Foi un dos fundadores da S D Compostela (1962), da que foi nomeado presidente de honra en 1985, conselleiro da editorial Galaxia (1954) e director xerente da editorial SEPT (1969). Participou no Partido Popular Galego (PPG) e en Realidade Galega (REGA). Foi patrón fundador do Museo do Pobo Galego (1976), conselleiro do Instituto Galego de Información (1979), secretario do Consello da Cultura Galega (1983), patrón das fundacións Penzol (1988), Castelao (1989), Camilo José Cela (1990) e Alfredo Brañas (1994), membro do consello reitor do Centro Ramón Piñeiro (1995) e presidente do Patronato Rosalía de Castro (1970-2004) e da Fundación Otero Pedrayo (1979-2004). Escribiu Proceso en Galicia a las prótesis totales de cadera (1971), Entre portas (1997) e Xacobe e Prisciliano (1997), e é coautor de Historia de la SECOT (2002) e Dicionario galego de termos médicos (2002). Colaborador de El Correo Gallego, os seus artigos publicáronse postumamente en O escalpelo literario (2005). Foi membro de diversas sociedades médicas, entre elas, o Fellow International College of Surgeons; ademais foi académico correspondente da Real Academia de Cirugía y Medicina de Galicia e da Real Academia Galega. Foi galardoado co Premio Nacional de Ortopedia (1970), coa Medalla de Prata de Galicia (1996) e coa Cruz do Mérito Naval con distintivo branco (1996). Postumamente recibiu, en 2005, o Premio Trasalba, a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla de Ouro da Fundación Camilo José Cela.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Meá, Mugardos -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela