Slesvig-Holstein

Slesvig-Holstein

Land do N de Alemaña (15.765 km2; 2.790.000 h [estim 2001]). A súa capital é Kiel. Comprende o sector meridional da península de Xutlandia, desde a fronteira con Dinamarca ata o curso baixo do Elba, entre as costas do Mar Báltico e o mar do Norte, e tamén as illas de Sylt, Föhr e Amrum. As costas son baixas, con abundantes fiordes no sector báltico e con cordóns dunares e illas no sector do mar do Norte. Os recursos económicos son a agricultura, a gandaría, bovina e porcina e a pesca. Ten xacementos de petróleo, industrias siderúrxicas, construcións navais e mecánicas, de material eléctrico e alimentarias, localizadas en Kiel e en Lübeck. O territorio corresponde aos dous antigos ducados de Slesvig e Holstein, unidos baixo o reinado de Cristián I de Dinamarca. Todos os reis de Dinamarca foron duques de Slesvig-Holstein ata a morte de Federico VII (1863) sen parentes próximos agnados. Os esforzos dos reis de Dinamarca por incorporar efectivamente os ducados de Slesvig e de Holstein á coroa danesa topáronse coa oposición da poboación. O movemento autonomista cristalizou na rebelión de 1848, que tiña o apoio de Prusia. A intervención de Rusia e a de Reino Unido levou ao mantemento do statu quo (Protocolo de Londres, 1852). Ao decretar Cristián IX de Dinamarca a incorporación de Slesvig a Dinamarca (1863) desencadeouse a Guerra dos Ducados (1864), que enfrontou a Rusia e Austria contra Dinamarca e finalizou coa derrota danesa. Cristián IX tivo que ceder os ducados a Prusia (Slesvig) e Austria (Holstein) pola Paz de Viena (1866). Mais ante a actitude de Bismarck, Austria declaroulle a guerra a Prusia (1866). Coa vitoria prusiana, Slesvig e Holstein foron incorporados a Prusia. Despois da Primeira Guerra Mundial, Alemaña anexionou Slesvig do norte, pero coa derrota de Hitler volveuse ás fronteiras anteriores. En 1946 constituíuse o land de Slesvig-Holstein.

Palabras veciñas

Slav’ansk | Slesvig | Slesvig | Slesvig-Holstein | Slesvig-Holstein, ducado de | Sligeach | Sligo