Smith, Adam

Smith, Adam

Economista escocés. Punto de partida da escola clásica, escribiu Inquiry Into the Nature and Causes of the Wealth of Nations (1776). A obra componse de cinco libros. O primeiro comeza coa división do traballo e continúa cos problemas do valor e o prezo. Non estableceu con claridade teoría ningunha de valor, senón que examinou as diversas partes do prezo das mercadorías, é dicir, os salarios, os beneficios e a renda da terra. O prezo fórmase no mercado, que tende a un equilibrio automático, entre demanda e oferta. É o que quere ilustrar a imaxe da man invisible. O segundo libro estuda a natureza e o proceso de acumulación do capital. A finalidade deste é conservar e aumentar o stock de bens que serven para o consumo inmediato da poboación. O traballo anual dun país é o fondo que lle proporcionan estes bens; distingue un traballo produtivo, que dá lugar a mercadorías físicas, e un traballo improdutivo, que non ten esta característica. O libro terceiro, de contido histórico, trata do desenvolvemento da agricultura europea desde a caída do Imperio Romano. O libro cuarto está dedicado á crítica dos sistemas de economía política anteriores: o mercantilismo e a fisiocracia. O quinto libro é un tratado de facenda pública, histórico e teórico.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Kirkcaldy

  • Deceso

    Lugar : Edimburgo