Sobreira Salgado, Xoán
Relixioso beneditino. Coñecido como o Padre Sobreira, en 1761 tomou o hábito no convento de Santa María de Sopetrán (Guadalajara) e tres anos máis tarde regresou a Galicia para estudar artes no convento de Ribas de Sil. En 1767 trasladouse ao convento de San Vicente (Salamanca), onde estudou teoloxía. Foi ordenado presbítero (1770) no convento de Santa María de Montserrat de Madrid. Despois da súa estancia en varios conventos e de estar en 1785 en Madrid dedicado a ordenar papeis de Martín Sarmiento, en 1789 volveu a Galicia. Primeiro estivo no convento de San Martiño Pinario (Santiago) e logo (1793) en Ribas de Sil, ata que en 1798 foi trasladado como abade ao convento de Santa María de Sopetrán (Guadalajara). Redactou diversos escritos, sobre todo lingüísticos e de interese lexicográfico (Idea de un dicionario de la lengua gallega), e outros sobre temas diversos (Historia general botánica de Galicia). Pensado Tomé realizou o estudo crítico dalgunhas das súas obras, entre elas a publicación de Papeletas de un dicionario gallego (1979, a partir dun manuscrito anterior a 1805). Estas papeletas constitúen o xermolo dun posible dicionario. Recollen o galego común e principalmente as variedades para el máis familiares, sobre todo de Ribadavia, Santiago, Samos e Ribas de Sil. Estas papeletas son abundantes para as letras A e B, pero moi escasas para o resto -só unhas ducias de palabras para C-Z-. Foi membro correspondente da Real Academia de la Historia (1786).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Beade, Beade -
Deceso
Lugar : Sopetrán, Guadalajara