SÓCRATES
Programa educativo comunitario da Unión Europea creado polo Parlamento Europeo e o Consello de Ministros en 1995. A súa primeira fase desenvolveuse entre 1996 e 2000 e a segunda entre 2000 e 2006. O seu principal obxectivo é facer posible que os alumnos de calquera nivel educativo e con todo tipo de necesidades especiais participen plenamente nas distintas actividades do programa. O SÓCRATES está dividido en oito accións, entre as que cómpre destacar COMENIUS, que se centra na educación escolar; ERASMUS, de educación universitaria; GRUNDTVIG, que cobre a educación de adultos e outros itinerarios educativos relacionados coa educación permanente; LINGUA, que pretende fomentar o ensino e a aprendizaxe de idiomas; MINERVA, enfocado ás novas tecnoloxías en educación; e ARION, que proporciona visitas de estudo educativas para asesores e altos cargos.