Sofia
Capital de Bulgaria (1.096.389 h [2001]). Ten o status de provincia independente e fai as funcións de capital da provincia homónima. Está situada ao pé do macizo de Vitosa, no alto val do Isk ǎ r, e ocupa unha situación estratéxica no cruzamento das vías que unen Europa Central, Europa Oriental e Europa Mediterránea. O seu crecemento arrincou da súa capitalidade en 1878, que foi preferida á histórica metrópole de Veliko Târnovo, a pesar da súa posición excéntrica respecto do país. Acadou unha importante actividade industrial a partir da época socialista. Ten industrias metalúrxicas, químicas, téxtiles e do tabaco. Ten aeroporto internacional, centro de ensino superior, a Sofiiski Universitet Kliment Ohridsky (1909), e diversas escolas superiores. Correspóndese coa antiga Sárdica ou Sérdica e recibiu o nome de Sofia en 1376. Foi apresada polos turcos en 1386, que permaneceron alí ata 1878. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de San Xurxo e de Santa Sofía, convertida en mesquita no s XVI, a catedral (1904-1912), dedicada a san Alexandre Nevski, a Gran Mesquita (s XV), onde está o Museo Arqueolóxico, e a mesquita dos Baños (1576).