1 sol

1 sol

(

    1. s m [ASTRON]

      Estrela arredor da que xiran os planetas do sistema solar, entre os que está a Terra. Ten un diámetro de 19,92 x 10 5 km e unha masa de 1,99 x 10 30 kg, polo que a súa densidade media é de 1,41g/cm 3 . O seu ecuador está inclinado 7°10,5’ respecto á eclíptica e a aceleración da gravidade na fotosfera vale 27,4m/s 2 . A súa magnitude luminosa aparente é de -26,7, mentres que a absoluta é de 4,8. O Sol xira sobre si mesmo, pero as distintas rexións non xiran soldadas, senón que o fan a velocidades diferentes. O Sol está formado por capas concéntricas, pero as únicas que se poden observar directamente son as externas, é dicir, a fotosfera, a cromosfera e a coroa, que constitúen a atmosfera solar. O hidróxeno e o helio constitúen, conxuntamente, desde o 96 ao 99% da fotosfera, mentres que o resto está constituído por outros elementos químicos. Na fotosfera a manifestación máis espectacular da actividade solar son as manchas solares. Na cromosfera hai dúas perturbacións características: as erupcións, que son os fenómenos máis espectaculares da atmosfera do Sol, e as protuberancias. A mediados do s XIX chegouse á conclusión de que o número de manchas solares visibles segue unha evolución que pasa por un máximo (ata 100 manchas) e por un mínimo, en que poden desaparecer de todo, o que se coñece como ciclo da actividade solar. Crese que durante certas épocas o Sol quedou case sempre en repouso, cousa que contrasta cos últimos séculos, que coinciden cunha época de grande actividade solar. O Sol ten un campo magnético global, análogo ao da Terra e unha serie de campos magnéticos locais, relacionados coas perturbacións solares. Radia continuamente unha inmensa cantidade de enerxía cara ao espazo, debido ao ciclo protón-protón, que transforma catro núcleos de hidróxeno nun núcleo de helio e libera ao mesmo tempo o equivalente en enerxía de 0,0008 g de materia por gramo de hidróxeno transformado. O estudo da radiación emitida polo Sol mostra que brilla máis cando hai máis manchas solares, o que explica o frío rexistrado en Europa nos ss XVI e XIX con case total ausencia de manchas solares. Fixéronse estudos estatísticos e concluíron que o ciclo das variacións do número de manchas é máis longo e a temperatura da Terra é menor. Desde a Antigüidade o Sol formou parte do mundo mítico de todos os pobos. Dentro dunha liña de interpretación dos mitos, o Sol mítico non é simplemente o astro que ilumina e quenta, senón que é unha proxección dun conxunto de experiencias ligadas á luminosidade, á calor, á periodicidade, á desaparición e ao retorno ou á fecundidade. A miúdo, para expresar a idea dun ser omnisciente e omnividente, capaz de rexer e castigar o comportamento humano, o Sol é considerado como o ollo dun ser celestial. A luminosidade, asociada sempre á orde visible pero distinto das cousas, en oposición ás condicións caóticas do escuro, fundamenta todo un ciclo de mitos cosmogónicos onde o Sol ten un lugar central. A unicidade e a posición eminente do Sol préstanse de modelo á soberanía humana: o rei, en moitas civilizacións, rodéase de aspectos solares, e o Sol é considerado o primeiro rei ou antepasado da familia real. En xeral, pódese afirmar que, mentres que certas tendencias teolóxicas e políticas enxalzan o aspecto naturístico dos deuses solares (nacer e morrer, dominar e loitar), este aspecto permanece como secundario nas máis altas divindades dos grandes politeísmos: así, nas relixións indoeuropeas, o Sol non ten unha posición case importante dentro dos seus panteóns, mentres que, doutra banda, as divindades máis importantes gozan de aspectos solares, como Indra e Mitra no vedismo ou Apolo en Grecia. Finalmente, no cristianismo, o aspecto solar, reducido conscientemente a puro simbolismo, é característico de Xesús Cristo (a festa de Nadal foi fixada no solsticio de inverno: natalis Solis). As representacións máis comúns do Sol son as do disco solar e a do carro solar. OBS: Nesta acepción adoita escribirse en maiúscula.

    2. s m

      Calquera corpo celeste de natureza análoga ao Sol.

  1. s m

    Luz e calor que dá o Sol.

  2. s m [ECON]

    Antiga unidade monetaria do Perú.

  3. s m

    Apelativo afectuoso aplicado especialmente a un neno.

  4. s m [HERÁLD]

    Figura de ouro ou de prata representada por unha cara humana que está rodeada de doce ou dezaseis raios, un recto e un ondulado alternativamente.

Frases feitas

  • Arrimarse ao sol que máis quenta. Servir ao poderoso.

  • De sol a sol. Desde que nace o Sol ata que se pon.

  • Facer un sol de xustiza. Facer moita calor.

  • Pasarlle (a alguén) o sol pola porta. Perder unha oportunidade irrepetible.

  • Tomar o sol. Expoñerse á luz e calor do sol.

Palabras veciñas

Sokoto | Sokoto | Sokoto | 1 sol | 2 sol | 3 sol | Sol