3 sol
(
Sistema coloidal que consiste na dispersión dun sólido nun líquido. As propiedades que permiten diferenciar un sol das solucións verdadeiras son a elevada dispersión da luz, a lenta difusión e a menor variación, por comparación ás solucións, das propiedades coligativas. Pódense clasificar en liófilos, liófobos e mixtos. Os liófilos son verdadeiras solucións de moléculas grandes nun disolvente e caracterízanse por unha tensión superficial frecuentemente inferior á do medio dispersante, unha viscosidade moi superior á deste. Son exemplos as solucións de amidón, proteínas, poliéteres ou de polistireno en benceno. Os liófobos considéranse sistemas heteroxéneos de dúas fases en que as partículas dispersas, irreversiblemente, agréganse de acordo cunha cinética de segunda orde. Das súas propiedades destacan a viscosidade e tensión superficial. Son exemplos o ouro coloidal ou diversas dispersións de óxidos e sulfuros metálicos na auga. Os sistemas de soles mixtos están constituídos por solucións acuosas de xabóns e deterxentes en concentración moderada. As moléculas destes materiais presentan unha parte liófoba e unha liófila, a que é, en gran medida, responsable da solubilidade. Os soles mixtos caracterízanse pola presenza de películas superficiais e, a medida que aumenta a concentración do soluto, pola formación de micelas.