sólido -da

sólido -da

(< lat solĭdu)

  1. [FÍS]
    1. adx e s m

      Aplícase ao corpo que está en estado sólido.

    2. estado sólido

      Estado da materia en que as moléculas que a compoñen, a causa das forzas de cohesión, teñen un movemento entre elas moi restrinxido, limitado a unha vibración arredor dunha posición de equilibrio fixa. Cando un sólido está formado por moléculas repartidas regularmente no espazo, o sólido é un cristal ou está cristalizado; cando os compoñentes están repartidos aleatoriamente denomínanse amorfos. Só os corpos cristalinos son considerados sólidos, mentres que os amorfos son considerados líquidos de gran viscosidade. Cando un sólido se quenta, as moléculas que o constitúen tenden a aumentar a súa amplitude de vibración e separarse da posición de equilibrio, polo que se produce o paso ao estado líquido. A axitación térmica anúlase totalmente no cero absoluto, onde todos os corpos están en estado sólido.

  2. adx
    1. Que é firme e opón unha gran resistencia ás forzas que tenden a deformalo.

    2. Que presenta unha boa base e non se destrúe con facilidade.

    3. Que se basea en fundamentos firmes e duradeiros.

  3. [MAT]
    1. s m

      Corpo que ten tres dimensións (lonxitude, anchura e profundidade) e está limitado por superficies planas ou curvas.

    2. sólido de revolución

      Corpo sólido que se obtén pola rotación dunha superficie plana arredor dunha recta denominada eixe de revolución. Así, a esfera é o sólido que se xera por un círculo que xira arredor dun diámetro.

Palabras veciñas

solidificable | solidificación | solidificar | sólido -da | 1 solidus* | 2 solidus* | solifluxión