1 solo
(
-
s
m
[XEOL]
Capa externa da codia terrestre que se orixina pola alteración das rochas baixo a influencia dos axentes atmosféricos e dos seres vivos. É un corpo dinámico no tempo e no espazo, que xorde da interacción da biosfera, a atmosfera e a hidrosfera coa litosfera. Aínda que non é un ente vivo, fórmase grazas á vida e ao mesmo tempo é o seu soporte. O solo divídese en horizontes desde a superficie (horizonte A), ata a parte superior da rocha nai a partir da que se desenvolveu o solo (horizonte C). Considérase horizonte R a rocha inalterada. Polo que atinxe á súa constitución, un solo equilibrado contén un 50% en volume de materia sólida (45% de materia mineral e 5% de materia orgánica), un 25% de auga e un 25% de aire. Estes dous fluídos ocupan dunha maneira aproximada a porosidade fina e grosa, respectivamente, e varían segundo o estado de secura. Os aspectos que destacan dos compoñentes sólidos son as dimensións, a natureza e a organización. A natureza de calquera partícula pode ser mineral, orgánica ou orgánico-mineral. Polo que respecta á materia mineral, as areas e os limos constitúen o esqueleto do sistema edáfico, son pouco activos e, como as gravas e as pedras, a pesar de ser inertes, contribúen, pola súa masa, a estabilizar o solo. A materia orgánica é un compoñente esencial e característico dos solos, e inclúense nesta denominación desde os organismos vivos do solo, os seus produtos metabólicos, os restos destes seres e da follaxe, e os restos en proceso de descomposición e de humidificación ata o humus. A estrutura do solo é a disposición mutua que adoptan as partículas do esqueleto soldadas polo cemento. As estruturas máis frecuentes son a laminar, a escamosa, a granular, a grumosa, a cuboide, a poliédrica, a prismática e a columnar, e clasifícanse pola morfoloxía e as dimensións. A porosidade do solo permite unha boa circulación da auga e unha ventilación axeitada. A atmosfera do solo está constituída polo aire que ocupa a porosidade grosa e serve para a respiración do edafón e da rizosfera. A súa composición é case igual ao aire da atmosfera libre, pero coa profundidade aumenta a concentración de CO 2 e diminúe a de O 2 . A auga ocupa permanentemente a porosidade fina ou capilar e, temporalmente, a porosidade grosa ou macroporosidade. A auga é o primeiro factor da pedoxénese porque non intervén só na meteorización da rocha nai, senón que tamén actúa polo seu dinamismo transportando substancias disoltas ou en suspensión duns horizontes a outros, e así colabora na diferenciación do perfil. Ao actuar como disolvente, constitúe, xunto cos elementos nutritivos, a solución do solo responsable da humificación, dos ciclos bioquímicos do nitróxeno, o fósforo, o carbono ou o xofre, e da estruturación e outras funcións tipicamente edafoxénicas. A cor do solo, que permite caracterizalo e diferenciar os horizontes do perfil, débese á presenza de substancias cromóxenas, como por exemplo óxidos e hidróxidos de ferro. A actividade do ión hidróxeno no medio edáfico exprésase polo pH, que indica a acidez actual ou real causada polos H+ libres na solución do solo. O pH dos solos presenta unha variación estacional debida sobre todo á disolución dos H+ polas augas de chuvia nas estacións húmidas e á nitrificación, que tende a facelo baixar. Os solos resultan da acción conxunta da rocha nai, do clima, dos organismos, da topografía e do tempo. As rochas non só soportan fisicamente os solos senón que inflúen na súa natureza a través de moitos compoñentes que lles ceden. A dependencia, moi patente nos solos novos, vai diminuíndo a medida que este evoluciona, de maneira que os maduros ou vellos teñen moita menos relación coa rocha da que proceden. As rochas inflúen máis polas propiedades físicas que polas químicas. Das primeiras destacan a porosidade e a formación de fendas, e das segundas, a abundancia de Ca 2+ ou de Na + e a facilidade de alterarse. A permeabilidade permite, ademais da entrada de fluídos alteradores, a súa circulación dentro da masa, e favorece a eliminación de produtos de alteración ou neoformación secundaria, como por exemplo arxilas e hidróxidos. O factor máis activo na pedoxénese é o clima. Este inflúe directamente sobre os procesos pedoxénicos que levan á diferenciación de horizontes, e indirectamente, a condicionar a vida de plantas e animais e o relevo a través da temperatura, a chuvia e o vento. A temperatura inflúe decisivamente na meteorización física; dunha banda, acelera a química, mentres que doutra, frea os procesos, posto que ao aumentar a temperatura tamén aumenta a evapotranspiración. Pero só a auga da infiltración que circula ou se almacena no perfil é activa directamente nos mecanismos pedoxénicos, e indirectamente, como sustentadora do edafón e da rizosfera. A permeabilidade da rocha nai e o tipo de vexetación inflúen na taxa axeitada de filtración da auga para a pedoxénese. Sen seres vivos non se pode falar de solos; a microflora é esencial tanto para os procesos de descomposición da materia mineral e orgánica coma para os de humidificación. É protagonista dos ciclos edafobioxeoquímicos do nitróxeno, o carbono, o fósforo, o xofre, o ferro ou o manganeso, e respira, xunto coas raíces dos vexetais superiores, e, polo tanto, libera CO 2 na solución do solo, acidificándoa. A vexetación concentra no horizonte A unha gran cantidade de substancias absorbidas polas raíces na profundidade, e a gran variedade de especies forma materia orgánica, precursora de diferentes tipos de humus que actúan dunha maneira diferente na pedoxénese e a evolución do perfil. A acción pedoxénica dos animais que habitan no solo é múltiple. Afecta á morfoloxía do perfil, ten unha acción desestruturadora, mellora a porosidade, a ventilación, a actividade bioquímica e a fertilidade en xeral, e participa na degradación da materia orgánica fresca e nos procesos humidificadores. O home é un importante factor da pedoxénese, xa que cos cultivos cambia profundamente a natureza dos solos naturais. O relevo, inicialmente causado por fenómenos tectónicos e volcánicos, é un factor dinámico a causa da acción continua dos axentes erosivos que dependen tanto do clima coma do tipo de rocha. Coa altura aumenta a pluviometría e diminúe a temperatura (agás en casos de inversión térmica), de maneira que nos cumes das montañas os solos están pouco evolucionados e son de pouca espesura, as vertentes son de desenvolvemento intermedio, e nos pés das montañas, vales ou chairas son máis maduros, cunha espesura regular e con boa diferenciación do perfil. O balance enerxético varía coa exposición ao sol: nas solainas a pedoxénese é máis activa e o humus é máis doce, e nas vertentes de avesío, máis frías e húmidas, a pedoxénese é freada e o humus é máis ácido. Nos cumes, as condicións microclimáticas son máis drásticas e a pedoxénese tamén se frea. A pendente, xunto coa dinámica da auga, a causa da gravidade, favorece a migración de substancias en sentido descendente, de maneira que se empobrecen os solos dos cumes, hai un predominio de transporte nas vertentes e unha acumulación nos pés das montañas. Isto pode orixinar unha pedosecuencia altitudinal con interrelación xenética dos perfís, é dicir, cunha relación mutua de composición, xénese, morfoloxía e posición na paisaxe. Co tempo, as propiedades e a composición do solo cambian e fálase de nacemento, xuventude, madurez, senectude e mesmo morte dos solos. Co tempo os solos maduran, incorporando intimamente materia orgánica á materia mineral, aumentando a fracción arxila e mesmo facendo descender a arxila e outros compoñentes, como hidróxidos e humus, do horizonte A ao fondo do B. Nos solos hai procesos moi rápidos, como o cambio iónico, e outros de longa duración, como a rubefacción. Mentres que a salinización pode aparecer nuns 5 ou 10 anos, unha podzolitzación necesita uns 200 anos. No medio edáfico hai variacións diarias (temperatura, concentración de CO 2 ou actividade enzimática) e estacionais (pH, temperatura, humidade ou taxa de hidróxeno) que se traducen na diferenciación de horizontes. A formación dos solos resulta dunha integración de procesos, influídos polos cinco factores mencionados, que poden ser de meteorización das rochas ou propiamente pedoxenéticos. Os primeiros actúan mentres hai rochas e minerais primarios para descompor, tanto no medio litolóxico coma no edáfico que o segue, e teñen unha especial importancia cando a pedoxénese arrinca de rochas autóctonas e compactas (granito, basaltos ou xistos). Os segundos, que comprenden os procesos de maduración do perfil ou de formación de horizontes, poden ser simultáneos cos primeiros ou ter lugar cun certo desfase. Isto último pasa sobre as rochas autóctonas mencionadas, nas que non é frecuente que comece a diferenciación de horizontes ata que a rocha dura e compacta inicial non se fragmenta. En cambio, son simultáneos sobre rochas non compactas, con moitas alóctonas ou transportadas. Nos procesos propiamente pedoxénicos a evolución caracterízase por un enriquecemento progresivo en coloides húmicos e arxilosos, máis ou menos meteorizado, e pola tendencia á estruturación e á diferenciación de horizontes.
-
s
m
Terreo edificable.
-
s
m
Extensión territorial que comprende unha xurisdición.
-
s
m
Conxunto de pedras que forman o piso do forno.