Somiedo
Municipio de Asturias, bañado polo río homónimo e situado na Cordilleira Cantábrica, no límite con Castela e León (1.565h [2001]). A poboación vive maioritariamente diseminada e o núcleo principal é Pola de Somiedo. O Parque Natural de Somiedo ten unha extensión aproximada de 300 km2 e foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Reserva da Biosfera en 2000. O relevo é de vales angostos e vertentes pronunciadas e inestables, sucadas polos ríos Pigüeña e Somiedo, que se dispoñen en dirección N-S. Existen numerosas mostras de modelado glacial nas zonas máis elevadas, ademais de formas de modelado cárstico na franxa de calcarias que atravesa o parque de SL a NO. A vexetación máis representativa son os faiais e as carballeiras e, entre a fauna, o oso, as diferentes aves rapaces, os rebezos e a pita de monte.