Sotelo Blanco Edicións
Editorial creada por Olegario Sotelo Blanco en 1980. Cun catálogo de máis de 1.000 títulos, mantivo sempre unha liña independente e comprometida coa cultura galega. Nos seus comezos dedicouse a un labor de recuperación cultural mediante a edición de facsímiles e libros de conversas con persoeiros, ademais de iniciar unha liña de apoio a xéneros como a poesía, o teatro e a narrativa a través das coleccións “Leliadoura” (onde escribiron autores como Avilés de Taramancos, Manuel Rivas, X. Rábade Paredes e Xavier Seoane), “A Biblioteca do Arlequín” (con M. A. Fernán-Vello, E. Blanco Amor, M. Núñez Singala) e “Medusa” (X. L. Méndez Ferrín, R. Carvalho Calero, Xurxo Borrazás, Alfredo Conde, Pilar Buela e Teresa Moure). Na década de 1990 abriu a súa propia distribuidora e a súa sede en Santiago de Compostela. Desde 1990 publica, ademais, a revista trimestral A Trabe de Ouro.