Souto, Uxío

Souto, Uxío

Tallista. Formouse na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Aínda que inicialmente traballou a imaxinaría relixiosa (A aparición da Virxe do Carme a san Simón, Santa Rita, Via Crucis), pronto se decantou polas imaxes de corte costumista (Que volva!, 1928 e Nai galega, 1930). Empregou fundamentalmente a madeira, que tallou con arestas vivas coas que conseguía unha grande expresividade nas figuras. Coa Guerra Civil Española exiliouse a México, onde comezou a traballar outro tipo de materiais como o bronce ou a pedra, cos que fixo retratos (Doutor Armando Barreiro, 1942), representacións de grupos de nenos, algún mausoleo e acuarela (Campo de concentración, 1944). Continuou coas tallas en madeira, aínda que esta vez seguiu unha tipoloxía indixenista de trazos marcados e na que a muller tivo especial representatividade (Maternidade, 1943 e Oaxaqueña, 1945), pero sen esquecer as súas raíces galegas (O pescador, 1980-1985).

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : México

  • Nacemento

    Lugar : Xinzo de Limia