Souto Cuero, Alfredo

Souto Cuero, Alfredo

Pintor. Discípulo de Román Navarro, compatibilizou a súa carreira profesional vinculada á xudicatura (fiscal, xuíz de primeira instancia, maxistrado e presidente da Audiencia Provincial) coa práctica da pintura. Iniciouse cunha formación tradicional realista e naturalista, á vez que posromántica, en que os paisaxistas da escola de Barbizon tiveron unha grande influencia. A base das súas obras pitóricas, polo xeral de pequeno formato, constituíuna o debuxo (Anita, 1910; Calle de Cangas, 1905). Partiu da temática costumista (Capilla de Santa Margarita, 1902) e do realismo anecdótico (La lechera, 1889; Camino de la fuente, 1895) e, ademais de destacar pola paisaxe minuciosa (Paisaje de Granada, 1892; Cruceiro, 1903), ás veces idealizada, compositiva e poética, fixo algunhas concesións á pintura preciosista (Flores de primavera). Empregou gamas verdes e ocres e aclarou a súa paleta, ao tempo que a súa pincelada se foi facendo máis solta, dándolle ás súas pinturas un certo ton impresionista (Paisaje de Lugo; El idilio, 1901). Realizou tamén algúns retratos (Cánovas del Castillo; García Barbón) e colaboracións artísticas en prensa (Galicia Moderna, Blanco y negro, La Ilustración Artística de Barcelona, La Ilustración Española y Americana). Recibiu a medalla de prata no Certame Artístico da Coruña (1890) e a terceira medalla na Exposición Nacional de 1892 e 1895.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso