Souto Feijoo, Arturo
Pintor, fillo de Alfredo Souto Cuero. Polos destinos laborais de seu pai viviu en Oviedo, Zaragoza, Lugo ou A Coruña ata que en 1920 se estableceu en Sevilla, onde cursou estudos de aparellador. En 1922 ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e traballou como decorador de cerámica para unha fábrica de Carabanchel. En Madrid realizou a súa primeira exposición (1925) e dos primeiros anos destacan obras como Maternidade (1928) ou Retrato de Mireya Dieste (1933). Identificouse politicamente coa Segunda República Española e para os seus fins propagandísticos realizou debuxos e carteis. Viaxou a París (Calle de París, 1930) en varias ocasións e en 1934 recibiu unha pensión da Academia Española de Roma. Ao remate da Guerra Civil Española (Milicianos nun interior, 1937; Cabalo branco, 1936-1939) exiliouse a EE UU e a México, onde residiu desde 1942. Traballou o óleo, a acuarela, a augada (Contemplación), o pastel e a cera, e empregou cores exuberantes e temáticas diversas como as paisaxes (Composicións mariñas, 1958; Paisaxe de Monterrey), escenas costumistas (Niño tocando la flauta) e surrealistas (Escena máxica), mercados e naturezas mortas (Máscaras a Flores e froitas). Destacan especialmente as súas representacións da figura feminina, con aire distinguido e enigmático (A Bela Otero, 1960-1962), mundano (Xente de teatro, 1962), exótico (Xaponesa, 1958-1960), erótico (Desnudo de mujer, 1958-1960) ou fantástico (Muller bolboreta).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : México