Sri Lanka
Estado insular de Asia situado no Océano Índico, a uns 80 km ao SL de India (65.610 km2 ; 19.410.000 h [estim 2001). A capital administrativa é Colombo e a lexislativa Sri Jayawardenapura (ou Kotte).
Xeografía física
Separada de India polo golfo de Mannar e o estreito de Palk, a illa de Sri Lanka quedou enlazada ao continente mediante un conxunto de arrecifes e bancos de areas denominado ponte de Adams. No N do país esténdese unha fértil e ampla meseta onde nace o río Mahawelli. No sector meridional existe un extenso núcleo montañoso, con cristas cuarcíticas (Pidurutalagala, 2.524 m), onde nacen os principais cursos de auga. As chairas costeiras están especialmente desenvolvidas ao O e ao S, con numerosas lagoas e cordóns litorais; ao N e ao L, a costa faise máis abrupta. Presenta un clima tropical chuvioso modificado polos monzóns. As temperaturas experimentan poucas oscilacións. A illa está regada por numerosos ríos, curtos e aproveitados para o regadío, sobre todo nas rexións centrais. A vexetación varía en relación coa altitude. Son frecuentes os bosques perennes. O SO está ocupado pola selva pluvial, mentres que no resto da illa predomina a selva monzónica interrompida por áreas de sabana.
Xeografía económica
A pesar de ser un país desenvolvido, un gran peso económico recae no sector primario (36% da poboación ocupada). Os principais produtos agrícolas son o té, o arroz, o coco, a cana de azucre, a mandioca e outros cultivos alimentarios. A gandaría está composta sobre todo de gando bovino e caprino ademais de búfalos. As principais industrias extractivas ocúpanse da explotación do grafito, o circonio, o rútilo, a ilmenita e o sal común. As principais industrias están localizadas en Colombo, Maha Nuwara e Jaffna. A rede de transportes terrestres está formada por 1.447 km de ferrocarrís (1999) e 99.200 km de estradas (1996). Os principais portos localízanse en Colombo e Trincomalee, e os aeroportos en Colombo, Jaffna e Trincomalee. O comercio exterior caracterízase pola importación de petróleo, bens manufacturados e produtos agrícolas de Xapón, Irán e EE UU. A exportación é principalmente de té, pedras preciosas e caucho, cara a EE UU, Alemaña e Reino Unido. A balanza de pagamentos presenta uns déficits persistentes.
Xeografía humana
A poboación está repartida moi desigualmente; as densidades máis elevadas rexístranse na metade suroccidental da illa. A maior parte da poboación é rural, e tan só, Colombo (642.020 h [2001]), situada na costa O, se converteu no centro comercial e financeiro máis importante do país. Outras cidades importantes son Dehiwala-Mount Lavinia (209.787 h [2001]) e Moratuwa (177.000 [2001]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O grupo étnico maioritario é o cingalés (79,3%), seguido do támil (12,7%), o támil indio (5,5%), o burgher (0,3%) e o malaisiano (0,3%). As linguas oficiais son o cingalés e o támil. A maioría da poboación é budista (69,3%), seguida dos hinduístas (15,5%), musulmáns (7,5%), católicos (6,9%) e seguidores doutras relixións (0,3%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Sri Lanka entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o posto 96 cun índice do 0,740). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 70 anos para os homes e de 75 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 92,1% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 65%; e o PNB real por habitante é de 6.560 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, converteuse en estado independente no ámbito da Commonwealth o 4 de febreiro de 1948 e en república independente o 22 de maio de 1972. A Constitución do 16 de agosto de 1978 converteuna en república presidencialista. O poder executivo reside no xefe de estado, elixido para un período de 6 anos por sufraxio universal. O poder lexislativo exérceo a Asemblea Nacional, formada por 225 membros, dos que 29 elíxense de xeito proporcional, que se renova totalmente cada seis anos. Conta cun complexo sistema legal baseado na common law e no dereito romano-alemán, musulmán, cingalés e consuetudinario. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son as alianzas United People’s Freedom Alliance (UPFA), formada, entre outros, por Sri Lanka Nidahas Pakshaya (SNP), Janatha Vimuktasi Peramuna (JVP) e People’s United Front/Mahajana Eksath Peramuna (MEP); United National Front (EJP), formada por Eshat Jathika Pakshaya (EJP) e Ceylon Workers’ Congress (CWC); e Tamil Arasu Kachchi (ITAK). Organismos internacionais: Commonwealth, ONU e Organización Internacional do Traballo (OIT).
Historia
Os restos máis antigos atopados son paleolíticos, de tipo musteriano. Durante o Mesolítico desenvolveuse unha cultura con micrólitos. O Neolítico foi levado á illa nun estado avanzado polos veddas, pero os veddas actuais teñen unha cultura moi atrasada, que pode ser comparada coas do Paleolítico Inferior. A historia da illa caracterízase polas frecuentes invasións de que foi obxecto. Foi conquistada por Rāma e no s VI a C foi invadida por Viajya, príncipe do N da India, que inaugurou unha dinastía que durou oito séculos. En 307 a C adoptouse o budismo como relixión nacional. Os támiles fixeron diversas incursións á illa durante os ss XI, XIII e XIV, e os chineses ocuparon unha parte (1408-1438). En 1505 comezou a penetración portuguesa con Lorenzo de Almeida. A partir do XVII os holandeses substituíron gradualmente os portugueses. Os británicos conseguiron establecerse en 1795-1796 e pola Paz de Amiens (1802), a illa pasou a Reino Unido, que a anexou a Madras. En 1948 converteuse nun estado independente pertencente á Commonwealth, co nome de Ceilán. A MEP, encabezada por Salomon Bandaranaike (asasinado en 1959), con ideas socialistas moi moderadas, gañou as eleccións de 1956 fronte aos conservadores, que se mantiñan no poder desde 1948. En 1960 gañou o SNP, dirixido por Sirimavo Bandaranaike, viúva de Salomon, quen seguiu unha política de tipo socialista similar á da MEP. En 1972, coa UPFA no poder, converteuse en república independente co nome de Sri Lanka. As eleccións de 1977 déronlle o poder ao EJP, que inmediatamente aprobou unha emenda constitucional que transformou o réxime en presidencialista. J. R. Jayawardene converteuse, en 1978, no primeiro presidente de Sri Lanka (reelixido en 1982), cargo desde o que promoveu unha nova constitución (1978) e favoreceu os investimentos estranxeiros e a iniciativa privada; ademais, combateu o independentismo támil, especialmente activo desde 1976 (Tigres de Liberación da Terra Támil, LTTE), nunha loita que tivo proporcións de guerra civil e coa intervención (1987-1990) de tropas indias. En 1988 elixiuse como presidente Ranasinghe Premadasa, asasinado en 1993. Nas eleccións de 1994 gañou a coalición de esquerdas UPFA e Chandrika Bandaranaike Kumaratunga, filla de Salomon e Sirimavo Bandaranaike, converteuse en presidenta. En 2002 produciuse un alto o fogo co LTTE, que domina o norte da illa, pero o conflito non rematou. Desde 2004 o presidente é Mahinda Rajapakse, tamén do SNP. Foi un dos estados máis afectados polo tsunami que arrasou o SL asiático o 26 de decembro de 2004, con máis de 31.000 mortos, case 5.000 desaparecidos e máis de 500.000 persoas que quedaron sen fogar. A traxedia abriu de novo o enfrontamento entre o goberno e o LTTE pola distribución da axuda humanitaria que levou á sinatura dun acordo para compartir esa axuda.