Suabia
Rexión do SO de Alemaña, situada entre Baviera e Baden--Württemberg. Rexión histórica da antiga Xermania que comprendía o que agora é a porción S do land de Baden-Württemberg e o SO do land de Baviera, en Alemaña, o L de Suíza e Alsacia, estivo habitada por pobos prerromanos (s I a C). Os romanos constituíron a provincia de Retia. Ocupada polos alamáns no s III, foi conquistada por Carlos Martel no s VIII. Pipino o Breve creou nela dous condados, que, declarados independentes no s IX, foron sometidos polo Emperador Conrado I (917). En 1079 o Emperador Enrique IV nomeou duque de Suabia ao seu xenro Frederico I de Hohenstaufen. En 1152 o seu neto foi elixido rei de romanos (Federico I) e Suabia permaneceu como posesión dos Hohenstaufen ata 1268. A nobreza local, especialmente os condes de Würtemberg, apropiáronse das terras imperiais e ducais. En 1331 os cabaleiros suabos (ou nobres) fundaron unha liga señorial, a Schleglerbund, que loitou contra a liga das cidades libres. En 1488 formouse outra liga suaba, a Esslingen, que, ademais das cidades imperiais, comprendía a Liga dos Cabaleiros de San Xurxo, bispos e príncipes. Desde 1500 ata 1806 houbo un kres (distrito administrativo) suabo e unha representación de cidades suabas na dieta do Imperio.