Suárez Picallo, Ramón

Suárez Picallo, Ramón

Político, irmán de Xosé A. Suárez Picallo. Emigrou a Arxentina en 1912 onde traballou en diversos oficios e comezou a súa actividade política no movemento socialista e nos sindicatos obreiros. Foi membro do Consejo Federal de la Marítima e do Comité Central da Unión Sindical Argentina. Colaborou en diversas publicacións como La Argentina ou La República e escribiu o folleto “Cartas a un obrero”, que acadou unha ampla difusión, e a peza teatral Marola (1925). Vinculado á Federación de Sociedades Gallegas, foi un dos directores da revista Céltiga e secretario de redacción do semanario Correo de Galicia (1926-1931). En 1926 participou en Xenebra no congreso da Organización Internacional do Traballo e visitou Galicia, onde trabou amizade con Antón Vilar Ponte. En 1930 participou na fundación da ORGA en Bos Aires. Volveu a Galicia en 1931 e participou na VI Asemblea Nacionalista na Coruña. Foi elixido deputado pola Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de 1931 e participou ese mesmo ano na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Perdeu o escano nas eleccións de 1933 e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1935), foi director de A Nosa Terra, SER, vicedirector de Claridad e colaborador de Vanguardia Gallega e El Pueblo Gallego. Deputado polo PG en 1936, defendeu cuestións agrarias e o Estatuto de Autonomía de Galicia. Co estoupido da Guerra Civil trasladouse a Barcelona, onde colaborou en Nova Galicia. Ao termo da guerra marchou a Francia e EE UU, e en xullo de 1939 instalouse en República Dominicana, onde dirixiu o diario La Nación. En 1940 trasladouse a Santiago de Chile ata que en 1956 se instalou en Bos Aires. En Chile colaborou en La Opinión, La Hora, El Mercurio e El Sur, e en 1944 foi un dos fundadores do Consello de Galiza, ao que pertenceu ata a súa morte. En Bos Aires participou no I Congreso da Emigración Galega (1956) e desde 1959 desempeñou a cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense e dirixiu o xornal Lugo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Sada

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires