Sucesión de Austria, Guerra de

Sucesión de Austria, Guerra de

Conflito bélico europeo que estalou coa morte sen descendencia masculina do Emperador Carlos VI de Austria en 1740. As potencias europeas negáronse a recoñecer a súa filla María Tareixa como sucesora. O conflito comezou coa conquista de Silesia por parte de Federico II de Prusia (1740-1741). Deseguido, Francia, España, Baviera e Saxonia uníronse ao vencedor e formaron a Liga de Nymphenburg. María Tareixa non puido impedir a ocupación da Alta Austria e de Bohemia por parte das tropas franco-bávaras (1741) nin a elección e proclamación en 1742 de Carlos Alberte de Baviera como emperador (Carlos VII). Non obstante, conseguiu afastar temporalmente do conflito os exércitos prusianos. O progresivo illamento de Francia determinou o reforzo da súa alianza con España (Segundo Pacto de Familia, 1743) e a volta de Prusia á guerra (1744). En 1748 chegouse á paz en Aquisgrán. Francia restituíu todos os territorios conquistados e conformouse con recuperar as colonias perdidas, Federico II asegurouse a posesión de Silesia e o infante Filipe, fillo pequeno de Filipe V de España, recibiu os ducados italianos de Parma, Piacenza e Guastalla. Aínda así, os conflitos rexurdiron na Guerra dos Sete Anos.

Palabras veciñas

sucesíbel | sucesible | sucesión | Sucesión de Austria, Guerra de | Sucesión de Polonia, Guerra de | Sucesión Española, Guerra de | sucesivo -va