Sudán
Territorio situado ao S do deserto do Sáhara, comprendido entre o macizo etiópico e a costa atlántica, limitado ao S polos altiplanos dos Grandes Lagos Africanos e a selva ecuatorial. Historicamente constituíu unha rexión dun gran tráfico comercial. Na rexión occidental floreceu (ss III-XIII) o Reino de Ghana, substituído polo de Mali en 1230, que someteu a vasalaxe os outros reinos veciños, como Tombouctou (1336) e Songhai (1235); este último impúxose na segunda metade do s XV, ata que pasou a formar parte do Sultanato de Marrocos (1591). Máis tarde, entre a poboación fulbe e hausa xurdiron os imperios de Sokoto, entre Níxer e Chad, e Adamaua, entre Camerún e Nixeria, que se mantiveron ata a colonización europea. Na zona central, o primeiro estado islamizado foi o de Kanem; xurdiu despois o Reino de Bornu, cuxo máximo esplendor correspondeu ao s XVI. Do mesmo xeito, os sultanatos de Baguirmi e de Ouadai tamén subsistiron ata a colonización francesa. En Sudán oriental, o Reino de Dārfūr foi conquistado por Zubayr de Exipto (1884) e quedou integrado na República de Sudán.