Sudán

Sudán
Nome científico: [nome oficial: República de Sudán; ár: Al-Jumhūrīyat as-Sūdān]

Estado da África Oriental, que limita ao N con Exipto e Libia, ao L co Mar Vermello, Eritrea e Etiopia, ao S con Kenya, Uganda e República Democrática do Congo e ao O coa República Centroafricana e Chad (2.503.890 km2; 30.316.000 h [estim 2001]). A capital executiva é Khartún e a lexislativa Umm Durmān.
Xeografía

Xeografía física
A maior parte de Sudán é unha gran chaira atravesada en dirección S-N polo Nilo e os seus tributarios e a periferia está constituída por sistemas montañosos. O L, a rexión do Mar Vermello, é a máis accidentada, aínda que as montañas non sobrepasan os 2.400 m de altitude. No S, na fronteira con Uganda, sitúanse as maiores altitudes do país no monte Kinyeti (3.187 m). A rexión occidental está cuberta por dunas de area e volcáns. O clima é tropical, moi caloroso e varía segundo a rexión: o clima de tipo continental tropical nas estepas desérticas do N dá paso a un clima ecuatorial no S. O principal río é o Nilo, que atravesa o país de S a N. Os afluentes máis importantes son o Ba ḥ r al-Gazāl, o Sobat e o Nilo Azul. De N a S sucédense o deserto, con flora sahariana; o semideserto do Sahel, que se estende ata Khartún; os espiñeiros áridos; a sabana seca con vexetais espiñentos que ocupa unha enorme extensión; e, no extremo SO do país, a sabana húmida con mestura de galerías de selva densa.
Xeografía económica
Sudán é un dos países máis pobres do mundo e a súa economía mantén as características dun país subdesenvolvido. A maior parte da poboación activa (63,5%) dedícase á agricultura e á gandaría. Os cultivos máis importantes son o algodón, a cana de azucre, o sorgo, o trigo, os cacahuetes, o millo, o sésamo, o iñame e a goma arábiga (case o 80% da produción mundial). A gandaría, básica para a economía sudanesa, está composta por gando bovino, ovino e caprino, aínda que son importantes tamén os camelos. A rexión máis fértil é a central, grazas ás obras de regadío levadas a cabo entre o Nilo Blanco e o Nilo Azul, que se utilizan cada vez máis para os cultivos alimentarios e a gandaría intensiva con orientación leiteira. Aínda así, o país sofre unha importante penuria alimentaria que se ve agravada pola chegada masiva de refuxiados e pola persistencia dunha economía pouco diversificada e moi dependente do cultivo do algodón. As industrias máis importantes son as alimentarias, especialmente a azucreira, a téxtil, a do cemento e a refinaría de petróleo. A rede de ferrocarrís cobre o N do país e vertebra todo o seu eixe vital, de Exipto ata Uganda. As vías navegables internas esténdese por 4.068 km, dos que só 1.723 son transitables todo o ano. A rede de estradas é moi deficiente e a maior parte é intransitable despois da chuvia. Khartún posúe un aeroporto. Importa produtos petroleiros, alimentarios e manufacturados, que proveñen de Reino Unido, EE UU e Xapón. As exportacións consisten en algodón, goma arábica, millo miúdo e sorgo, destinadas a Reino Unido, Alemaña e Xapón. A balanza comercial é deficitaria, pero a balanza corrente sáldase coas transferencias do estranxeiro.
Xeografía humana
Sudán participa tanto do mundo árabe como do africano e, desde hai séculos, é un importante punto de confluencia das rexións circundantes e en numerosas ocasións aumentou a súa poboación coa chegada de refuxiados dos países veciños. As densidades máis altas danse na rexión do Nilo Azul e en Khartún. Aínda que a densidade demográfica media é baixa, aumenta ao longo do Nilo e na provincia de Khartún. A poboación urbana é o 36,1%.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O grupo étnico máis numeroso é o árabe (49%), seguido dos dinka (11%), nuba (8%), bexa (6%) e azande (2,7%). A lingua oficial é o árabe. A maioría da poboación é musulmá sunnita (73%), seguida dos animistas/crenzas tradicionais (16,7%), cristián (9,1%) e outras relixións (1,2%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Sudán entre os países cun desenvolvemento humano medio (139° posto mundial cun índice de 0,505). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de de 57 anos para os homes e 59 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 44% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 61% e o PNB real por habitante é de 1.370 $ EE UU.
Sociedade e goberno
Independente desde o 1 de xaneiro de 1956 de Exipto e de Reino Unido, a constitución do 30 de xuño de 1998, foi parcialmente suspendida o 12 de decembro de 1999. O 9 de xullo de 2005 asinouse unha constitución transitoria cunha vixencia de 6 anos e que puxo fin ao conflito entre o goberno e o Movemento Popular de Liberación de Sudán. O presidente elíxese para un período de 5 anos por sufraxio universal. A Majlis Watani (Asemblea Nacional) está formada por 360 membros dos que 270 son electivos, 35 representan ás mulleres, 26 aos titulados universitarios e 29 aos sindicatos. O sistema legal baséase na common law británica e no dereito islámico. O principal partido político é o Al Muttamar al Watani (MW). Organismos internacionais: Liga Africana, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
Coñecido na Antigüidade como Kuš, foi dominado polos exipcios (ss XVI-X a C). No s VIII a C constituíu co nome de Nubia, o Reino de Kuš. Malia a influencia helenística e romana, Nubia permaneceu independente ata o s IV pero non resistiu as razzias dos nómades e, sobre todo, os ataques dos reis etiópicos de Axum. A conversión dos nubios ao cristianismo (ss VI-VII) e a aparición de diversos reinos nubios marcaron o inicio da independencia cultural respecto de Exipto. O paso da Nubia cristiá ao Islam veu marcado polos sucesivos establecementos de mercadores árabes. Fraccionado en diversos estados cristiáns como Sennār, Dongola, Dārfūr ou Kurdufān, o derradeiro estado, Aloa, sucumbiu baixo a invasión dos pastores negros funj no s XV. Estes, islamizados lentamente e vítimas continuadas das expedicións escravistas de mercadores de Al-Hi ǧ āz e de Iemen, fundaron un reino que se mantivo independente ata que foi conquistado polas tropas de Mu ḥ ammad ‘Alī, dirixidas polo francés Sèves. O territorio anexado a Exipto foi organizado como provincia, con capital na fortaleza militar de Khartún. A administración do territorio encomendouse a funcionarios europeos, británicos sobre todo. En 1881 estalou unha insurrección coa autoproclamación do xeque Mu ḥ ammad A ḥ mad ibn ‘Abd Allāh como mahdī e coa declaración de guerra santa contra os opresores, tanto exipcios coma británicos. A revolta mahdista foi sufocada polo xeneral británico Kitchener (1898). As reivindicacións nacionalistas non pararon de manifestarse; concedida a semiautonomía en 1948, a caída de Fārūq I de Exipto (1952) permitiu conseguir o autogoberno sudanés en 1953 e a independencia definitiva en 1956. Logo da ditadura militar do mariscal Ibrahim Abboud, en 1964 unha revolta popular estableceu un goberno civil, derrocado en 1969 polo xeneral Ǧ a’far al-Numeyrī, de orientación máis progresista, que en 1971 se converteu en presidente da república. Foi reelixido en 1977 e 1983. O seu réxime redividiu o S do país en tres rexións máis pequenas e impuxo a lei islámica, o que provocou o estalido da guerra. Este feito, acompañado da deterioración da economía, conduciu ao derrocamento de al-Numeyrī nun golpe de estado en 1985. Instaurouse un goberno militar, que en 1986, logo da realización de eleccións xerais, lle cedeu o poder a un goberno civil e Sadiq al-Mahdi converteuse en primeiro ministro. En 1987 concedeuse unha limitada autonomía ao territorio non musulmán do S, pero mantívose a división en tres rexións e non foi abolida a lei islámica. En 1989 un novo pronunciamento militar puxo ao xeneral ‘Umar A ḥ mad al-Bašir como xefe de estado. En 1992 al-Bašir anunciou a formación dun parlamento de transición como un paso para chegar á democracia. En 1996 celebráronse as primeiras eleccións democráticas lexislativas e presidenciais desde o golpe de estado de 1989, que confirmaron a al-Bašir no poder, que foi reelixido en 2001. Na rexión de Dārfūr, na fronteira con Chad, enfrontáronse o exército, co apoio de tribos árabes, e o Exército de Liberación de Sudán e o Movimento para a Xustiza e a Igualdade que reclama máis dereitos para os negros africanos e que acusan ao goberno de favorecer economicamente as comunidades do norte en detrimento desta rexión, desértica e habitada por tribos de raza negra. O conflito provocou decenas de miles de mortos e case dous millóns de desprazados. En xuño de 2005 o Tribunal Penal Internacional iniciou unha investigación sobre os crimes cometidos na rexión ante a sospeita de terse producido un xenocidio. O goberno e os rebeldes do sur, o Movemento Popular de Liberación de Sudán,chegaron a un acordo o 31 de decembro de 2004 que se asinou o 9 de xaneiro de 2005 polo que tiñan que compartir o poder público. O 9 de xullo de 2005 o presidente al-Bašir asinou unha nova constitución transitoria que rexirá o país durante 6 anos. O líder do Movemento Popular de Liberación de Sudán, John Gararang, antigo dirixente dos rebeldes, xurou o cargo de vicepresidente do novo goberno transitorio. O período transitorio inclúe a integración dos rebeldes no exército regular sudanés. Non obstante, a morte de John Garang, nun accidente aéreo, provocou disturbios na capital.