Suffolk, ducado de

Suffolk, ducado de

Título inglés concedido en 1448 a William de la Pole (morto en 1450) sobre o marquesado de Suffolk, que lle fora doado en 1444 sendo xa quinto conde de Suffolk. Sucedeuno o seu fillo, John de la Pole (morto en 1491/1492), que casou coa princesa Isabel, irmá do Rei Eduardo IV, e foron pais de Edmund de la Pole (morto en 1513), terceiro duque, que renunciou ao título ducal en 1493 para usar desde entón o de conde. O ducado foi concedido de novo en 1514 a Charles Brandon (morto en 1545), casado coa princesa María, irmá do Rei Enrique VIII e foi incorporado á coroa en 1551. O condado de Suffolk foi creado en 1337 para Robert Ufford (morto en 1369) e reverteu na coroa en 1382 pola morte sen fillos do seu fillo e segundo conde. En 1385 foille concedido a Michael de la Pole (morto en 1389), pai do quinto conde e primeiro duque de Suffolk. Por última vez foi concedido en 1603 a Thomas Howard (morto en 1626), barón Howard de Walden, fillo do duque de Norfolk, e posteriormente posuído polos seus descendentes.