sulfúrico -ca

sulfúrico -ca

(< sulfuro)

  1. adx

    sulfúreo.

  2. ácido sulfúrico [QUÍM]

    Oxiácido do xofre, o máis importante dos ácidos minerais. É un ácido moi forte e corrosivo, presenta carácter oxidante e é un poderoso deshidratante grazas á estabilidade termodinámica dos seus hidratos. É un composto moi polar, fortemente asociado por pontes de hidróxeno, que se atopa autoionizado 2H 2 SO 4 ⇋ H 3 SO + 4 + HSO - 4 e presenta condutividade eléctrica. O ácido sulfúrico obtense industrialmente mediante a oxidación do dióxido de xofre (SO 2 ), producido xeralmente por combustión do xofre ou por torrefacción da pirita, e a posterior hidratación do trióxido de xofre así formado. A oxidación do dióxido de xofre ten lugar por medio de dous procedementos: o método das cámaras de chumbo e o método de contacto. No método das cámaras de chumbo, a oxidación catalízase por óxidos de nitróxeno e transcorre con formación intermedia de ácido nitrosulfúrico (HOSO 2 ONO), de acordo coa secuencia de reaccións:


    FORMULA
    No método de contacto faise circular unha mestura de SO 2 e aire a través dun catalizador a temperatura elevada, facendo reaccionar posteriormente con auga, directamente ou despois da disolución previa en ácido sulfúrico, o trióxido de xofre así formado. Ten numerosas aplicacións das que cabe mencionar a preparación do ácido clorhídrico a partir do cloruro sódico, do ácido nítrico a partir do nitrato de Chile, do ácido fosfórico ou dos hidroxenofosfatos de calcio a partir dos apatitos e do ácido crómico a partir do cromato sódico; tamén se emprega na preparación de fertilizantes, como axente sulfonante e como deshidratante en síntese orgánica, como decapante en metalurxia e, grazas ás súas propiedades electrolíticas, na produción de electricidade.

  3. anhídrido sulfúrico [QUÍM]

    trióxido de xofre.

Palabras veciñas

sulfurado -da | sulfurar | sulfúreo -a | sulfúrico -ca | sulfurilo | sulfuro | sulfuroso -sa